Aymerich forza que o BNG debata na asemblea crear un novo partido nacionalista e negociar coas mareas

Carlos Aymerich
EUROPA PRESS
Publicado: lunes, 8 febrero 2016 20:01

Aposta por "probas de boa fe" para a confluencia con colaboración nos municipios entre Bloque e mareas

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Feb. (EUROPA PRESS) -

A XV Asemblea Nacional do BNG debaterá, no seu plenario do próximo 28 de febreiro, sobre se impulsa a creación dunha nova organización nacionalista, tras 34 anos de historia da fronte nacionalista fundada en Riazor en 1982, e votará sobre se confluír co espazo de En Marea para as eleccións autonómicas deste ano.

O debate vén propiciado por unha emenda á totalidade que o grupo afín ao exparlamentario Carlos Aymerich presentou en varias bisbarras e que, segundo confirmaron a Europa Press fontes deste grupo, xa contou co apoio da bisbarra de Arzúa-Melide. Desta forma, este texto súmase aos votos particulares completos e parciais presentados no Consello Nacional (as deputadas Carme Adán e Tereixa Paz, a profesora Alba Nogueira e os textos parciais do voceiro nacional, Xavier Vence) e que xa contaron co respaldo de, polo menos, varias asembleas da provincia de Ourense.

Concretamente, o texto que asinan Aymerich e os seus propón, como xa explicitar publicamente o que foi voceiro parlamentario do Bloque co bipartito e ata principios de 2012, que a XV Asemblea do BNG non sexa ordinaria, senón que teña carácter extraordinario e non elixa unha nova dirección, senón que constitúa unha xestora.

"Propoñemos que esta asemblea nacional se celebre como extraordinaria, de forma que non se escolla voceiro nacional e que, en vez de executiva e de Consello Nacional, se designe un xestor provisional á que se lle encomende levar á práctica as decisións que a asemblea adopte en dous planos", sinala o documento, ao que tivo acceso Europa Press, e que delimita as actuacións que esta xestora tería que facer no ámbito electoral e orgánico.

Así, en canto ás próximas eleccións, aposta por que esa xestora que pide crear "inicie de inmediato as xestións conducentes á confluencia electoral co espazo de En Marea. Isto é, "a constitución dunha candidatura unitaria de esquerdas e nacionalista para as próximas eleccións galegas".

O documento aprobado na asemblea da bisbarra da Montaña, defende, no ámbito político-estratéxico, "dar os primeiros pasos para a refundación do nacionalismo de esquerda en Galicia", empezando polo "non recoñecemento de colectivos e partidos no seo do BNG (recomendando a quen neles milite que procedan a disolvelos)".

Propón, neste sentido, "superar a estrutura frentista que asume, como natural, a existencia de partidos guía ou de vangardas organizadas". Historicamente, e aínda que en militancia non é maioritaria, a UPG foi a forza hexemónica no seo do Bloque, logrando sacar adiante os seus postulados polo grande apoio que recibiu dos independentes.

"IMPRESCINDIBLE A REFUNDACIÓN"

Para os asinantes desta emenda, é "imprescindible a refundación" do nacionalismo e, ao respecto, advirten de que "non se deben confundir os medios cos fins", é dicir, "construír unha Galicia soberana, próspera e xusta" segue sendo "os fins en 2016", pero "non sempre se utilizaron as mesmas ferramentas políticas, conscientes de que as organizacións son iso: medios".

"Por valiosos que nalgún momento fosen, os modelos organizativos (partidas, frontes, coalicións) teñen os seus propios ciclos vitais", argumenta o documento, que conclúe que "os novos tempos reclaman novas fórmulas políticas, sen por iso renegar do legado do BNG".

Por iso, Aymerich e o seu grupo afín apostou por que a xestora do BNG (que piden crear) "inicie de inmediato contactos con todas as organizacións --políticas, sociais, sindicais-- e persoas individuais que se reclamen nacionalistas de cara a construír unha nova organización política unitaria e democrática para o nacionalismo de esquerda".

CANDIDATURA UNITARIA

Todo iso entronca tamén coa visión que este grupo defende para as eleccións autonómicas deste ano, que significa o traballo nos espazos creados polas mareas. Por iso, esta visión aposta por que a (se triunfase esta tese) xestora "inicie de inmediato conversacións con En Marea e os partidos e organizacións que dela forman parte de cara a confluír nunha candidatura unitaria nas próximas eleccións galegas".

Conscientes de que os anteriores intentos nunca chegaron a prosperar, dende as europeas, ata as municipais e as xerais do pasado mes de decembro --dunha forma máis intensa--, o documento que defenden Aymerich e os seus afíns advirten de que, para "evitar que volva fracasar", é necesario "ofrecer e esixir probas de boa fe".

"É necesario, en concreto, abrir unha nova etapa de cooperación entre o BNG e o espazo das mareas nas institucións onde un e outros compartimos representación: nos gobernos municipais, nos gobernos provinciais e no Parlamento galego", sinala, nunha alusión aos enfrontamentos nos municipios nos que gobernan as mareas e o BNG está na oposición.

"Só deste modo, demostrando na práctica diaria que o traballo conxunto é posible, pódese construír unha confluencia real a través dunha candidatura conxunta", sentenza, o documento, a este respecto.

Non en van, entre os argumentos esgrimidos resaltan que eles mesmos conviviron con diferentes proxectos no seo do BNG, aínda que recoñezan que tamén haxa "contradicións" entre os diferentes proxectos presentes "no seo" de En Marea, "un proxecto centrado no país representado por Anova e outro deseñado en clave española".

"¿Se fomos capaces de convivir no seo do BNG durante 34 anos, non seremos capaces de acordar un programa de mínimos para as próximas eleccións galegas? Se gobernamos co PSOE tres das catro deputacións provinciais sen conflitos aparentes, acaso non seremos capaces de compartir o goberno galego con forzas coas que, a priori, as diferenzas son ben menores?", formula.

CARLOS AYMERICH

Aymerich, que foi a voz do BNG na Cámara galega cando Anxo Quintana era vicepresidente da Xunta, fundou o grupo Abrente no seo do Bloque cando o colectivo que lideraba, entón Máis Galiza, marchou na súa grande maioría para acabar formando Compromiso por Galicia.

O grupo de persoas en torno a Aymerich xa renunciara na asemblea na que Xavier Vence converteuse en voceiro nacional a ocupar postos na dirección polas discrepancias coa liña política que se seguía.

O punto de inflexión do BNG foi Amio en 2012 cando as correntes máis aperturistas da formación aliáronse nunha plataforma con Xosé Manuel Beiras e Carlos Aymerich para tratar de gañarlle a asemblea á UPG.

Non obstante, a forza hexemónica fixo valer os seus votos e, tras o resultado asambleario (en que Guillerme Vázquez se converteu en voceiro nacional e Francisco Jorquera en candidato á Xunta) producíronse dúas grandes escisións.

ESCISIÓNS

Por un lado, a dos que remataron en CxG, que era o ámbito de persoas máis próximas a Aymerich, aínda que este último e varios alcaldes --como Manuel Antelo, Sandra González ou Félix Juncal-- quedaron no Bloque.

Por outro, estaban os 'irmandiños' de Beiras, que acabaron confluíndo con outras organizacións como a FPG en Anova e, dende entón, formaron parte de alianzas electorais ata as plataformas municipais e a candidatura de En Marea.

Paralelamente, o BNG foi perdendo apoios nas sucesivas contendas electorais. En 2015 quedou fóra de municipios como Vigo e Ourense e tampouco logrou representación, tras 20 anos con presenza, no Congreso, mentres irrompeu con seis deputados e dous senadores En Marea --na que ademais de Anova, están Podemos e Esquerda Unida--.