Beiras (Anova) ve na aplicación do 155 un "golpe de estado" e di que "non se dan as condicións" para o seu uso

Rueda de prensa de Anova este sábado en Teo (A Coruña)
EUROPA PRESS
Actualizado: sábado, 21 octubre 2017 15:25

Sánchez cre que o que hoxe "parece unha cuestión catalá" despois estenderase a "todos os que se atrevan a desafiar ao réxime"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Oct. (EUROPA PRESS) -

O histórico dirixente nacionalista e fundador de Anova, Xosé Manuel Beiras, considera que a aplicación do artigo 155 da Constitución en Cataluña supón un "golpe de estado" para o que "non se dan as condicións".

"Non se pode facer un golpe de estado contra unha cidadanía que defendeu os seus dereitos heroicamente fronte ás cargas das forzas da desorde pública", denunciou este sábado nunha rolda de prensa ofrecida coincidindo coa reunión do Consello de Ministros que abordou a forma na que levará a cabo a aplicación deste artigo, que motivará a destitución de todos os membros do Govern.

Acompañado polo líder de Anova, Antón Sánchez, Beiras asegurou que hai varias semanas que a súa formación denuncia que, no conflito catalán, "non só estaba en xogo o dereito democrático da cidadanía catalá a decidir o seu destino como pobo" senón tamén "os dereitos e as liberdades de todos os cidadáns do Estado".

"Naquel momento xa dixemos que se estaba xestando un estado de excepción, que se operaba como nun golpe de estado", lembrou para deixar claro que "non se pode" dar un "golpe" contra unha cidadanía que exerce un dereito "fundamental" como é o da "soberanía popular".

Neste sentido, tamén cargou contra a decisión da Audiencia Nacional de "meter en prisión incondicional" a dous cidadáns, os líderes da Asemblea Nacional Catalá e de Ómniun, Jordi Sánchez e Jordi Cuixart, por "promover unha concentración de cidadáns absolutamente pacífica" e acusalos "de que foi violenta" e "mesmo dun delito de sedición".

"BATALLA CONTRA A REPRESIÓN"

Sobre o encarceramento de ambos os líderes, ademais, o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, denunciou que se "encarcere a cidadáns exemplares" mentres "os chourizos que saquearon o país están na rúa" con "privilexios".

Por iso, deixou claro que Anova "persistirá" na "batalla pola democracia real contra a represión" e en defensa dos "dereitos e liberdades" fronte a "aqueles que queren impor unha ditadura" no Estado español.

"O que hoxe parece unha cuestión catalá despois será unha cuestión dos nacionalistas galegos, dos independentistas ou sinxelamente de quen se atreva a desafiar ao réxime", manifestou.