Beiras di que Noriega "non ten por que estar atrapado en política"

Pacto Pobreza
Foto: EUROPA PRESS/REMITIDO
Actualizado: jueves, 19 diciembre 2013 20:24

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Dic. (EUROPA PRESS) -

   O voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, manifestou que o alcalde de Teo (A Coruña), Martiño Noriega, "non ten por que estar atrapado en política" e sinalou que, se quere dar un paso atrás da primeira liña da organización, "hai que entender" todas as súas circunstancias.

   Beiras referiuse, na súa contextualización, a que o rexedor teense e coordinador de Anova é médico de profesión, ten 38 anos e pode considerar que non logra sacar adiante por agora o proxecto que desexaría no seo da organización.

   "Todas estas cousas (dixo tras citar as mencionadas circunstancias) hai que entendelas; e eu polo menos procuro entendelas e son as que intento explicar, ás veces sen reparos, ante os medios", expresou, despois de asegurar que se decatou este xoves de que Noriega fixo un "comentario" sobre o seu futuro, o cal, segundo precisou Beiras, é "resultado de algo que levan falado bastante tempo".

   Así, o veterano dirixente describiu a situación de Anova en proceso de consolidación nun período "convulso" e referiuse ao proxecto de Martiño Noriega na localidade onde é alcalde, o cal eloxiou, para considerar que "se Anova fose como é Teo, estariamos ao bordo de xerar a meta da definitiva consolidación do proxecto da organización e as súas pautas xenuínas de funcionamento".

   Non obstante, e partindo de que a organización ten apenas un ano e medio de vida e non está consolidada, Beiras xulgou que, "ante situacións determinadas" de tensión na organización, Martiño Noriega "é un home que pode dicir: 'se eu non podo facer o que considero que teño que facer, pois por que non deixo a política durante un tempo".

PERÍODO DE REFLEXIÓN

   Noriega abriu un período de reflexión sobre o seu futuro na primeira liña de Anova debido aos obstáculos que ten, segundo o seu ámbito, para levar a cabo o labor como coordinador nacional de Anova.

   Aínda que se manterá como militante e membro do órgano de coordinación desta nova formación nacida tras unha escisión do BNG, a balanza inclínase cara a deixar as súas responsabilidades, unha decisión que tomará esta semana.