Besteiro acusa a Feijóo de "pouca credibilidade" para combater a corrupción e ve "errada" a súa forma de facer política

Actualizado: martes, 27 enero 2015 13:43

LUGO, 27 Ene. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou este martes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de ter "pouca credibilidade" para combater a corrupción.

Así o manifestou ante a comparecencia deste martes do titular da Xunta no Parlamento autonómico. "Quen non conta coa oposición é o presidente da Xunta, que parece que chegou onte e vai para sete anos, e parece que se reinventou hoxe", reprochou.

"Non está a facer as cousas como debe de facer, parece que anuncia unha nova lei de transparencia e, se non cumpriu a anterior, os precedentes non son moi bos, se non deu explicacións sobre os casos que salpican a Xunta (de corrupción) pouca credibilidade pode ter", abundou Besteiro.

O líder dos socialistas galegos tamén apelou a que en materia de "información e transparencia non cumpre, e non cumpriu nestes seis anos, para dar información á oposición para que faga o seu traballo, pouca credibilidade ten", sostivo.

Neste sentido, considerou que se confirma unha "nova campaña mediática de Feijóo para non facer". "É crible nunha persoa que acaba de chegar, non é crible nunha persoa que leva seis anos sendo presidente da Xunta. Se non cumpriu a anterior lei de transparencia, se non é dilixente na información, se non facilita os contratos que lle pide a oposición que credibilidade pode ter?", preguntouse Besteiro.

Así mesmo, insistiu en que os pasos que está a dar o máximo mandatario galego "son equivocados, á marxe das outras forzas políticas". "Feijóo equivócase e esa forma de facer política é absolutamente errada para quen vai camiño de sete anos no goberno autonómico", censurou.