Besteiro pide "axilidade" na resolución das dilixencias sobre a Deputación

José Ramón Gómez Besteiro, presidente de Diputación de Lugo y secretario xeral
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 25 noviembre 2014 22:30

Interviñeron expedientes, carpetas con documentación, axendas e un teléfono de áreas como Relacións Institucionais e Comunicación

   LUGO, 25 Nov. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, apelou este martes á presunción de inocencia das persoas investigadas no marco da denominada 'Operación Pulpo', ao tempo que demandou "axilidade" na resolución das dilixencias que leva a xuíza Pilar de Lara Cifuentes sobre a institución provincial.

   "A Deputación de Lugo e eu mesmo, somos absolutamente respectuosos coas actuacións xudiciais, como coa presunción de inocencia das persoas afectadas e só se solicita axilidade na resolución do procedemento para que queden debidamente aclarados estes feitos", afirmou Besteiro na súa comparecencia no pleno provincial.

   Na súa intervención comentou que a "finalidade" da intervención xudicial, coa entrada da xuíza Pilar de Lara o pasado venres no Pazo de San Marcos, era investigar "presuntos delitos de tráfico de influencias, fraude, exaccións ilegais, prevaricación e malversación de caudais públicos".

   Máis de dez minutos de intervención, contida en doce folios, e sen réplica, constituíu a comparecencia do presidente provincial, que reiterou que as actuacións se atopan "baixo segredo sumarial".

   Nesta liña, recordou que cando se produce a entrada dos axentes da UDEF, pasadas as 9,00 horas e saída en torno ás 20,30 horas do venres, se atopaba fóra da Deputación, dado que ese día acompañou a un enfermo de cancro dende A Fonsagrada, na coñecida como 'Ruta do cancro', nunha acción prevista e concertada coa federación veciñal para reclamar servizos para o HULA.

   "A xuíza foi recibida polo secretario da Deputación, ao que lle deu o auto de data do 21 de novembro de 2014. Tras a súa lectura requiriulle para que respondese se daba autorización de entrada e rexistro de forma voluntaria no edificio da Deputación, ao cal, como non podía ser doutra forma, prestou consentimento poñendo dende ese momento cantos efectivos fosen necesarios para a actuación xudicial", sinalou.

DOCUMENTOS INTERVIDOS

   Durante a intervención xudicial, "foi autorizada a aprehensión de efectos relacionados coa investigación, tales como documentos, facturas, certificacións, equipos ou soportes informáticos e dixitais, así como outros efectos relacionados cos feitos investigados", segundo enumerou.

   Así mesmo, concretou que a actuación de Pilar de Lara a ciñó "aos despachos do xefe do servizo de Comunicación e do xefe de Relacións Institucionais, oficinas do servizo de Relacións Institucionais coñecidos como 'Km 0', servizo de Contratación, servizo de Deportes e servizo de Fondos Europeos".

   "Nas devanditas dependencias foron requiridos diversos expedientes, carpetas con documentación, axendas e un teléfono. Non existía e, polo tanto, non se procedeu á captura de ningunha cantidade de diñeiro en efectivo, nin talóns, nin cheques bancarios", dixo.

   "A intervención comprendeu tamén a apertura das caixas fortes e de seguridade do despacho do xefe de relacións institucionais, tesouraría e no rexistro xeral, a excepción do existente no despacho citado en primeiro lugar onde foi levada parte da documentación existente, no resto das caixas inspeccionadas non foi atopado ningún elemento que fose de interese para a actuación xudicial", apostilou.

   Dende o punto de vista informático, Besteiro indicou que comprendeu "os equipos informáticos, o contido existente nos soportes informáticos de almacenamento de datos, servidores informáticos, correspondencia electrónica, así como os demais efectos e soportes informáticos".

   "Autorizouse os funcionarios policiais o rexistro, exame e lectura da totalidade da información existente en arquivos e documentos comprendidos nos devanditos ordenadores e soportes informáticos, fotográficos e audiovisuais para o acceso, busca e comprobación e no seu caso proceder á gravación mediante envorcado de información", puntualizou.

   Sobre a dilixencia de acceso ao envorcado dos equipos informáticos, soportes dixitais e correspondencia electrónica, o presidente da Deputación sinalou que "se"estendeu ao xefe de Relacións Institucionais e a todo o persoal de relacións institucionais, a unidade de Km 0, a de protocolo e a de Atención ao Cidadán, así como a do xefe do servizo de Comunicación e os funcionarios e persoal do departamento de Contratación".

PERSOAL "NOS SEUS POSTOS"

   Besteiro dixo que a intervención se prolongou "durante case once horas e o persoal destes servizos tivo que permanecer nos seus postos mentres se desenvolveu o envorcado informático". Relatou no seu discurso que os expedientes requiridos eran "orixinais" con excepción dos libros de actas que "ao non poder saír da sede provincial, os acordos requiridos foron entregados mediante emisión de copias diligenciadas".

   Este martes, volveu insistir en que "tal e como se puxo de manifesto no auto, as dilixencias están declaradas secretas polo que á Deputación solo foille entregada a parte dispositiva, descoñecéndose a causa que determina a intervención xudicial practicada, sendo coñecedores soamente que se enmarcan dentro da tramitación das dilixencias previas 2097/2013 tramitadas ante o xulgado número un de Lugo relativas á xestión do programa Km 0".

   "Durante esta intervención non se produciu ningunha detención, nin consta no auto a existencia de novos imputados en relación coas referidas dilixencias previas", concluíu, para apelar á presunción de inocencia.