Besteiro atribúe a "curta" achega a Galicia a que Feijóo "perde influencia" en Madrid "a pasos axigantados"

Besteiro Parla
EUROPA PRESS/REMITIDO
Actualizado: miércoles, 1 octubre 2014 14:39

Cre que son "decepcionantes" para Galicia e que "non van servir" para solucionar "os problemas reais", como o paro e a desigualdade

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Oct. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, atribuíu este mércores a "curta" achega a Galicia prevista nos Presupostos Xerais do Estado (PGE) a que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, está a "perder influencia" en Madrid "a pasos axigantados".

En declaracións aos medios tras analizar as contas co Grupo Parlamentario Socialista, Besteiro sinalou que son 1.385 millóns de euros os a presupostan para Galicia pero que, á vista do "baixo" nivel de execución, apenas alcanzará o millón de euros.

A liña seguido, preguntouse se "o otrora presidente reivindicativo" que "se tornou en home condescendente" vai aplaudir estes datos, habida conta de que considerou "malos" os 2.000 millóns de euros que o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero consignou en 2010 para Galicia e os máis de 1.500 que destinou o ano seguinte. "¡Non dirá que son esplendorosos!", exclamou o socialista lucense.

Máis alá das cifras totais, para o tamén presidente da Deputación de Lugo, os PGE son "profundamente decepcionantes" porque "non van ser eficaces para loitar contra o desemprego" nin para "potenciar os servizos públicos" ou apostar pola "reindustrialización".

"Condenan a unha maior desigualdade ano tras ano", resaltou, e alertou tamén de que as contas non permitirán paliar "a diferenza de Galicia con respecto ao resto do Estado", pois esta autonomía ten "unha economía que non é capaz de crecer, un diferencial en produción industrial que cada vez crece máis e unha débeda pública por enriba do PIB".

"NESGO ELECTORALISTA"

Dito isto, proseguiu coa súa análise o socialista para detectar "un nesgo electoralista" na suba da partida para Galicia, que "crece menos" que a doutras "comunidades".

Polo tanto, a xeito de conclusión, sentenciou que os PGE "non van servir" para "solucionar os problemas reais" nin de Galicia nin de España, pois medidas como conxelar as bolsas, as pensións ou as retribucións dos funcionarios contribuirán a "unha maior desigualdade" e a "non aumentar o consumo interno".

Así é que "non haberá reactivación económica", resumiu, tras apuntar que o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, "renunciou a reducir o paro", pois a previsión que figura nas contas é que a taxa alcance o 23 por cento. "E probablemente estea moi por enriba", apostilou Besteiro.

Por último, evidenciou que nos PGE non figura "ningún proxecto marca da casa do PP" senón que todos son "a continuación" dos iniciados polo Goberno socialista.

A AUSTERIDADE "NON SERVIU PARA NADA"

Ao fío diso, e tendo en mente o "diferencial" antes citado de Galicia con respecto ao resto do Estado, Besteiro subliñou que "as políticas de austeridade non serviron para nada".

"Con todo o que nos prometeron de que nos situaría nun horizonte mellor, se confirma que cada vez é peor", recalcou, pois "hai máis paro, máis desigualdade e máis débeda pública".

Neste sentido, xulgou que "se está a picar ese globo", toda vez que os cidadáns "perciben" que Feijóo "non entrou onte, nin o ano pasado" na Xunta, senón que leva "seis anos" e todo está "bastante peor".

"Terá que dar explicacións de por que estamos peor se coas políticas de austeridade iamos estar mellor", abundou, sen deixar de advertir de que "a esa realidade se terá que enfrontar" o presidente "persoalmente".

PERDA DE INFLUENCIA

Finalmente, Besteiro incidiu na "perda de influencia" de Feijóo no seu partido a nivel estatal á vista do acontecido con Navantia. "Non é de recibo pasar de 38 floteles a un, e agora a menos de un", evidenciou.

Ademais, segundo as súas propias palabras, o presidente "ou sabíao e calou" ou "foi o último en decatarse", sendo "calquera das dúas" opcións "moi graves". En calquera caso, sinalou que terá oportunidade de aclaralo no Debate sobre o Estado da Autonomía.

Nesta cita, continuou o líder do PSdeG, xa non poderá anunciar de novo "unha baixada no prezo da gasolina" que non se produciu, mentres "a luz volveu subir este mes un 11 por cento".