Besteiro di que "calquera" pode ir ás primarias do PSOE de xullo 2015 "chámese Susana Díaz ou doutro xeito"

José Ramón Gómez Besteiro y Manuel Baltar
DEPUTACIONLUGO
Actualizado: jueves, 18 diciembre 2014 16:08

OURENSE, 18 Dic. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou que "calquera" pode ir ás primarias do seu partido en xullo de 2015, para escoller a candidatura para as eleccións xerais, "chámese Susana Díaz ou doutro xeito".

Gómez Besteiro respondeu deste xeito nun acto que compartiu en Ourense co seu homólogo da Deputación ourensana e presidente do PP provincial, José Manuel Baltar.

O responsable dos socialistas galegos referiuse ás declaracións da presidenta andaluza, Susana Díaz, para sinalar que é unha "obviedade" que as primarias do PSOE son abertas.

"É a grandeza dese proceso, pois non hai cotas reservadas para ninguén e agora temos un secretario xeral froito dun proceso así", que é Pedro Sánchez, sinalou.

Nese sentido, recordou que Sánchez "xa dixo por activa e por pasiva que se vai presentar a ese proceso en xullo de 2015 e que que se queira presentar, pode facelo". Instou a "deixar funcionar á democracia" e a "non a cuestionar".

"Creo, ademais, que está a funcionar ben así que é obvio que en 2015 poderá presentarse calquera, chámese Susana Díaz ou doutro xeito", agregou.

NON HAI PROBLEMA

Negou coñecer a existencia dalgún problema polas declaracións de Susana Díaz nese sentido. "Esperemos a xullo de 2015", engadiu, para rematar co augurio de que ata entón "queda moito millo por rarear".

Por outra banda, en resposta a preguntas sobre as primarias orientadas ás candidaturas para as eleccións municipais de maio de 2015, Besteiro sinalou que o PSOE está en Ourense, e en toda Galicia, "culminando" os seus procesos de renovación.

"Baixo a máxima das primarias, o outro día xa recomendei ao PP, en Lugo, que tomase nota e dese unha participación ampla aos seus militantes", manifestou, antes de asegurar que no PSOE, de aquí ás municipais, "ese proceso dará moitas satisfaccións".

En relación aos expedientes de suspensión de militancia abertos a varios edís socialistas da Corporación municipal de Ourense, indicou que "nunca" fixo declaracións aos medios de comunicación, nin "nunca" as fará sobre procesos disciplinarios internos. "Todos os militantes teñen os mesmos dereitos e obrigas e non vou entrar noutras valoracións", remachou.