Besteiro di que o PSOE trata de "esclarecer" as causas do accidente de Angrois

Foto Ofrenda Floral Besteiro
Foto: EUROPA PRESS/REMITIDO
Actualizado: viernes, 25 julio 2014 14:39
av2" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

RIANXO (A CORUÑA), 25 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou, antes de participar por primeira vez dende que asumiu este cargo na tradicional ofrenda floral a Castelao, celebrada en Rianxo (Pontevedra), que o PSOE trata de "esclarecer" cales foron as causas do accidente ferroviario de Angrois.

   Neste sentido, Besteiro subliñou que os socialistas están a buscar a "verdade xudicial" para saber "que foi o que pasou" e "quen é o responsable". Así mesmo, fixo fincapé en que o Día de Galicia é un "día de celebración", pero tamén de "recordo".

   Desta forma, destacou que o seu "afecto e cariño" están coas vítimas do sinistro ferroviario que, hai un ano, acabou coa vida de 79 persoas e deixou máis de 140 feridos. "Como país, como partido, o que queremos é que estes feitos non volvan suceder", afirmou o líder dos socialistas galegos.

   Besteiro recordou ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois tanto en declaracións aos medios --xusto antes de realizar a tradicional ofrenda floral a Castelao-- como durante o acto con motivo do Día de Galicia, que os socialistas celebraron no paseo marítimo do Concello.

   Pero antes de pronunciar o seu discurso, o líder dos socialistas de Rianxo, Carlos Gey, pediu gardar a todos os asistentes un minuto de silencio en memoria das vítimas do sinistro ferroviario de Angrois.

REIVINDICAR O "FEDERALISMO"

   Deseguido, Gey serviuse da figura de Castelao e, en concreto, da súa obra 'Sempre en Galiza', para reivindicar o "federalismo" e fuxir de posturas independentistas. Esta reivindicación tamén foi realizada, uns minutos despois, por Besteiro, quen describiu ao PSdeG como "socialista e galeguista".

   Durante a súa intervención, o secretario xeral do PSdeG aproveitou para criticar ao presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, por indicar, na entrega das Medallas Castelao, que a Guerra Civil fora un "capricho da historia". "Non foi un capricho da historia, senón que foi a decisión duns poucos que prexudicou a todos", sentenciou Besteiro.

   Así as cousas, o líder dos socialistas galegos incidiu en que o Día de Galicia é un "día para loitar contra a desmemoria". "É o día de reivindicar a nosa identidade cultural", defendeu Besteiro, quen tamén asegurou que o PSdeG loitará por "tanta xente nova que está a marchar de Galicia".