Besteiro recorda a Feijóo que os galegos "seguen esperando" que compareza por suposto financiamento irregular do PP

Besteiro, secretario xeral del PSdeG
EUROPA PRESS
Actualizado: sábado, 20 diciembre 2014 13:59

Cre que a Xunta asiste "impasible" á "desaparición" do galego, que se produce a "pasos agigantados"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Dic. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, recordou ao titular da Xunta e presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que os galegos "seguen esperando" a súa comparecencia por suposto financiamento irregular do PP.

"Seguimos agardando a súa comparecencia, señor Feijóo", reprochoulle Besteiro a Feijóo na súa intervención no Comité Nacional do PSdeG, que se celebra este sábado no hotel compostelano Porta do Camiño. De feito, o secretario xeral dos socialistas galegos acusou de "irresponsabilidade" a actitude do PPdeG nos "casos de corrupción" e suposto financiamento irregular.

Así mesmo, na súa intervención, Besteiro cargou contra o titular da Xunta, pois considera que non fixo "nada" polo galego. É máis, sostén que, ante a situación de "grave enfermidade" que atravesa a lingua galega, o Goberno autonómico asiste "impasible" á súa "desaparición", que considera que se produce a "pasos agigantados".

"Estamos diante dun goberno que non fai nada para evitar a perda continua de gallegohablantes", sentenciou o tamén presidente da Deputación de Lugo, quen asegura que o goberno que dirixe Feijóo "non sente" a "necesidade" de "protexer" o galego.

"Un goberno que esquece a Lei de Normalización Lingüística de 1983 e o Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado no Parlamento por unanimidade no ano 2004", denunciou Besteiro, para logo cualificar o galego como un "tesouro" que hai que coidar, protexer e darlle espazo suficiente para evitar a súa desaparición".

Neste sentido, asegurou que o PSdeG está "convencido" e "concienciado" desta protección. "Nós si o estamos", resolveu, para logo precisar que "outros", en referencia aos populares, mostran "día a día" que "non vai con eles" a "batalla a favor" do galego.

MARIÑEIROS DE BOIRO

Na súa intervención no Comité Nacional, o secretario xeral do PSdeG enviou un "recordo emotivo" para a "xente do mar", especialmente para "as familias dos mariñeiros de Boiro que perderon as súas vidas esta semana".

"Vaia dende aquí noso máis sentido pésame", destacou este sábado Besteiro.