Blanco estraña "proxectos de país" para as infraestruturas en Galicia mentres Feijóo "fai méritos" para ser ministro"

El candidato socialista a la Eurocámara José Blanco
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 22 abril 2014 17:28

Promete traballar en Bruxelas por converter Galicia en "plataforma multimodal de entrada e saída de mercadorías" por mar

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Abr. (EUROPA PRESS) -

O candidato do PSOE á eurocámara e exministro de Fomento, José Blanco, sostivo este martes que bota en falta "proxectos de país" que rentabilicen as infraestruturas construídas en Galicia e relacionou este extremo con que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, está "todos os días facendo méritos para ser ministro" do presidente "peor valorado polos españois", Mariano Rajoy.

Preguntado pola infrautilización do aeroporto da capital galega no marco do almorzo informativo 'Fórum Europa. Tribuna Galicia', Blanco recordou que o ano que se puxo en funcionamento, en 2011, se logrou a cifra "marca" de case 2,5 millóns de pasaxeiros malia non ser Ano Santo.

Na mesma liña, apuntou que a decisión de construír unha nova terminal en Lavacolla se tomou á vista do ritmo de crecemento deste aeródromo a partir do ano 2008. "De seguir así, a anterior quedaba pequena", explicou, pero lamentou que actualmente está en números de 2004.

Por iso, opinou que toca pensar "que se fixo mal en Galicia" para non captar viaxeiros en 2013, un ano que foi positivo para o turismo a nivel nacional. "Os políticos teñen que pensar que non importa facer obras se non se sabe que facer con elas", incidiu o lucense, quen recordou que el xa advertiu deste extremo á Xunta durante a execución do AVE galego.

"FALTA VISIÓN POLÍTICA"

Incidindo na mesma idea de que "faltan proxectos de país", destacou a oportunidade de "aproveitar a posición xeográfica estratéxica" de Galicia para situala como plataforma loxística intercontinental no novo escenario que se abre nos tráficos marítimos" a partir da ampliación da Canle de Panamá.

Tras comprometerse a traballar por iso dende o Parlamento europeo, José Blanco advertiu de que a "falta de visión política" da Xunta pode provocar que non se logre converter a comunidade nesa "plataforma multimodal de entrada e saída de mercadorías dende e cara a Europa".

Para iso, subliñou, haberá que pelexar polos 28.000 millóns de euros que a Comisión Europea destinará ata 2020 aos corredores transeuropeos. "Galicia non pode esperar. Debe ser proactiva porque o seu desenvolvemento loxístico é imprescindible para gañar competitividade", concluíu.

REPETIRÍAO"

A maiores, a preguntas dos asistentes, repasou algunhas das súas actuacións como ministro, como na crise dos controladores aéreos. "Se hoxe tivese que repetir a decisión (de pechar e, posteriormente, militarizar o espazo aéreo de España), repetiríaa", aseverou, aínda que admitiu que "foi dura".

E é que como dixo esta medida supuxo reducir ao 50 por cento a partida que Aena destinaba a control aéreo, que pasou de 800 millóns ao ano a 400. "Polo tanto, tomei a decisión que había que tomar", remarcou, antes de apuntar que un informe de Intervención evidenciaba que os controladores percibían recursos de forma "ilegal".

Por iso, mostrouse "orgulloso" de "acabar cunha fraude" que elevaba o salario destes traballadores a uns 350.000 euros anuais. Parecíame un abuso que se fixese de forma fraudulenta", remachou, e recordou que "a primeira chamada" que recibiu foi "dun exministro de Fomento" non socialista que o felicitou por tomar a decisión á que el "non se atrevera".

Finalmente, criticou o atraso para iniciar a ampliación da Autoestrada do Atlántico (AP-9), que atribuíu a que "se quixo facer unha emenda á totalidade" do seu labor no ministerio. "E perdéronse dous anos", lamentou o exdirixente do PSOE e aspirante a eurodeputado nos comicios do próximo mes de maio.