O BNG condena a "xestión corrupta" do PP de Ourense en "interese de empresas amigas" para "ter o control"

El portavoz nacional del BNG, Xavier Vence, en declaraciones a los medios
EUROPA PRESS
Actualizado: sábado, 22 noviembre 2014 14:27

AGE asegura que o PP se financia "irregularmente" dende os anos 80 e espera un "cambio de réxime", porque o actual está en "descomposición"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Nov. (EUROPA PRESS) -

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, condenou a "xestión corrupta" do PP de Ourense, xa que sostén que este "xestiona" en "interese de empresas amigas" para "ter o control" de toda a provincia.

"Obviamente, creo que en Ourense se está a destapar unha forma de gobernar que, durante anos, levamos denunciando dende o BNG", precisou Vence --antes de comezar a manifestación contra a privatización dos montes veciñais-- en relación á sospeita da titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo e instrutora da Operación Pokémon, Pilar de Lara.

E é que esta sospeita que o PP de Ourense se podería financiar "ilicitamente" a través dun "elaborado" sistema de facturación "falsa e ficticia", "utilizando" para iso "polo menos" dúas empresas: a axencia de publicidade Planos e Telemiño, televisión do Grupo La Región.

Por todo iso, o voceiro nacional do BNG denunciou a "estratexia de dominio corrupto" do PP na provincia de Ourense. "Que segue en marcha neste momento", resolveu Vence.

"DIÑEIRO DOS CONTRABANDISTAS"

Pola súa banda, o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, asegurou --tamén antes de comezar a devandita manifestación-- que o PP se financia "irregularmente" e en "diñeiro negro" dende os anos 80. "Cando era Alianza Popular", matizou.

E é que sostén que os populares estaban financiados polo "diñeiro dos contrabandistas". "Non había máis que preguntar en todo O Salnés, por exemplo", subliñou, xusto antes de remarcar que, despois, "eses contrabandistas se converteron en narcotraficantes".

"E de aí vén o episodio do señor Núñez co famoso Marcial dourado, ao que se lle botou terra enriba", destacou. Por iso, concluíu que o PP está podre dende hai "30 anos".

"Xa estaba podre por aquel entón, agora empeza a saír a podremia", sentenciou o voceiro de AGE, quen sostén que o réxime político se atopa en "descomposición".

"Confiemos en que isto permita que os cidadáns, definitivamente, tomen conciencia de que estamos en mans de delincuentes", resaltou Beiras, ao tempo que espera por un "cambio de réxime". "Que fai falta", resolveu.