O BNG insta o Goberno no Congreso a suspender o canon ás bibliotecas públicas por libro prestado

Biblioteca de la UPO
EUROPA PRESS/UNIVERSIDAD PABLO DE OLAVIDE
Actualizado: sábado, 13 septiembre 2014 14:32

MADRID, 13 Sep. (EUROPA PRESS) -

O BNG presentou unha iniciativa no Congreso dos Deputados que insta ao Goberno a suspender a decisión de aplicar un canon ás bibliotecas públicas por libro prestado e por usuario que deberán pagar ás asociacións de editores.

Trátase dunha proposición non de lei, á que tivo acceso Europa Press, na que a formación nacionalista galega recorda que o pasado 1 de agosto o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicaba o Real Decreto 624/2014, do 18 de xullo, que recolle a obriga de pagar por o empréstitos de libros en bibliotecas, museos e arquivos.

En concreto, o texto apunta que se "asume sen rechistar" unha directiva da UE que establece que nas bibliotecas de poboacións de máis de 5.000 habitantes, se deberá pagar un canon polos libros prestados. "É unha directiva pensada para países do norte de Europa, cunha situación sociocultural moi distinta á do estado español,", apostila.

Segundo indica, a normativa implica que os usuarios poderán continuar sacando libros prestados sen custo para os seus petos pero resulta que por cada libro que se preste ou cada usuario rexistrado, a biblioteca pública terá que aboar ás asociacións de autores unha cantidade determinada, que parte dos fondos públicos.

SITUACIÓNS "KAFKIANAS"

"Produciranse situacións tan kafkianas como que as bibliotecas que máis libros prestan verán esgotarse os seus fondos económicos para poder renovar as súas coleccións, o que pon en entredito o seu futuro porque se verán obrigadas a optar por prestar libros, pagar o canon e non actualizar os seus fondos por falta de presuposto, ou por desistir da súa función e deixar de prestar libros co fin de poder renovar os seus fondos bibliográficos", alerta o BNG no Congreso.

É máis, alerta de que, mírese por onde se mire, as consecuencias van ser "moi negativas" para a rede de bibliotecas públicas, e por ende, para o conxunto dos cidadáns.

Neste sentido, a formación nacionalista precisa que o decreto determina o pagamento de dereitos de cada autor baseándose no pagamento dun canon por empréstito, á vez que establece o cobramento de 0,004 euros por empréstito realizado e 0,05 euros por persoa usuaria das bibliotecas.

Ademais, sinala que mentres non se poida aplicar o pagamento por empréstito, se establecerá un canon de 0,16 euros por obra adquirida pola biblioteca e dispoñible para ser prestada.

"Consideramos a decisión do Goberno un ataque sen precedentes ás bibliotecas públicas, á cultura en definitiva. Atácase á xa de por si maltrecha economía dos concellos que son os que máis inverten no sostemento da rede de bibliotecas municipais, a través da aplicación de taxas como vimos na xustiza e como se pretende noutros ámbitos,", sentencia o BNG.

Por todo iso, pide igualmente nesta iniciativa que se recupere o programa de cofinanciamento do Ministerio de Educación para a adquisición de fondos bibliográficos, ademais de que se destine unha partida específica aos concellos para a actualización das coleccións bibliográficas das bibliotecas públicas municipais co fin de garantir o acceso á cultura a todos os cidadáns.

"É inxusto establecer un pagamento por exercer unha actividade tan necesaria como ler. As bibliotecas son un espazo cultural a preservar e promover dende as administracións públicas porque son centros fundamentais para facilitar o acceso de todos os cidadáns á cultura, un eixe básico para o desenvolvemento das sociedades,", conclúe o BNG na súa proposición non de lei.