O BNG pide a dimisión de Rajoy tras a sentenza da Gürtel como responsable de "un PP condenado por corrupción"

Publicado: jueves, 24 mayo 2018 14:59

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 May. (EUROPA PRESS) -

O BNG considera que a "contundente" sentenza ditada no Caso Gürtel debe traducirse en "consecuencias políticas", incluída "a dimisión" de Mariano Rajoy, como presidente de "un PP condenado por corrupción".

Segundo explicou o BNG nun comunicado tras coñecerse a sentenza, a Audiencia Nacional considera probada "a existencia dunha caixa B no Partido Popular" e falla "que esta forza política e as empresas do condenado Francisco Correa montaron un auténtico e eficaz sistema de corrupción institucional".

A formación política explicou que "é a primeira vez que un partido político é condenado como tal por corrupción", un feito "sen precedentes e da máxima gravidade", polo que "hoxe mesmo tería que dimitir a dirección do Partido Popular, empezando polo seu presidente".

"Non é verosímil que os máximos responsables do PP a nivel estatal non fosen corresponsables por acción ou omisión do acontecido", dixeron. Para o BNG é "evidente" que a "trama de corrupción non podería sosterse sen o consentimento da cúpula do partido", tanto tras coñecer o fallo como "en base aos datos que foron aflorando en neste e noutros casos de corrupción".

COMPARECENCIA DE FEIJÓO

A formación nacionalista avanzou que pedirá a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que "responda sobre a trama galega", porque "é preciso coñecer as ramificacións e implicacións galegas desta corrupción sistémica do PP da que o exsecretario de Organización do PPdeG, Pablo Crespo, foi un elemento crave".

O BNG considera que a "acumulación de casos de corrupción do PP mostran unha forza política cunha estrutura de funcionamento corrupta", lonxe da imaxe de "casos illados ou mazás podres" que "a propia dirección do Partido Popular en Madrid e en Galicia se empeña en propagar". "Pola contra, é unha estrutura completamente corrupta dentro dun sistema intrinsecamente corrupto. Roubaron, mentiron e gañaron eleccións facendo trampas", conclúe o BNG.