Brigadistas de Seaga cargan contra a "incompetente" Xunta por prorrogar os seus contratos desde este luns e non antes

Actualizado: lunes, 16 octubre 2017 13:54

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Oct. (EUROPA PRESS) -

   Os comités de empresa de Seaga --empresa pública autonómica de loita contra o lume-- das catro provincias cargaron este luns contra a "incompetente" e "irresponsable" Xunta de Galicia por prorrogar a súa encomenda de xestión --o contrato dos seus 500 traballadores terminou o 12 de outubro-- desde este luns e non antes.

   Nun comunicado, os comités de empresa denuncian que o pasado xoves, 12 de outubro, "a maioría dos 100 vehículos utilizados por estas brigadas estaban xa nas bases provinciais" para proceder á retirada de ferramentas e dos equipos de protección individual antes de devolvelos á empresa aos que llos aluga a Administración.

   O venres, 13 de outubro, os brigadistas de Seaga concentráronse ante a Dirección Xeral de Montes para denunciar "abandono" da Xunta e reclamar a ampliación dos seus contratos. Segundo expoñen os comités de empresa, ese mesmo día recibiron unha comunicación do director-xerente de Seaga, Pablo Arbones Maciñeira, na que se informaba de que se ampliaba a encomenda de xestión ata o 31 de outubro, pero desde o 16 de outubro, luns.

   Por iso, informan os traballadores, o operativo de Seaga nas provincias de Ourense e A Coruña non comezou ata este luns. En Pontevedra tamén estaba fixada para o 16 de outubro, pero "o persoal incorporouse voluntariamente" o domingo, 15 de outubro. En Lugo, xa estaba a funcionar o domingo.

   Esta circunstancia provocou que "houbo que volver instalar as emisoras nos vehículos, volver incorporar ferramentas e os equipos de protección individual e distribuílos por todo o territorio". A isto únese avisar ao persoal ao que se amplía o contrato e distribuír as quendas de traballo.

   Por todo iso, arremeten contra a actuación da Xunta nunha vaga de incendios, con "temperaturas de 30 graos e ventos de máis de 100 quilómetros", por non mobilizar aos efectivos de Seaga ata este luns, a pesar de que os traballadores "fixeron todo o que estaba nas súas mans para comezar canto antes a enfrontarse ao lume" porque "sabían que as circunstancias eran excepcionais".