Caballero chama á calma tras o intento de rapto dunha nena e informa de que hai un dispositivo de vixilancia

Abel Caballero
EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 24 octubre 2014 19:58

VIGO, 24 Oct. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, indicou este venres que a Policía Nacional e a Policía Local despregaron un dispositivo conxunto de vixilancia en zonas escolares a raíz da denuncia presentada pola familia dunha menor que supostamente sufriu un intento de rapto nas inmediacións dun colexio da cidade.

Tal e como indicou nunha rolda de prensa, neste operativo están a colaborar conxuntamente a Policía Nacional e a Policía Local, que están a patrullar --tamén con axentes de paisano-- por "ducias" de zonas escolares para evitar "ese tipo de accións delituosas detestables e horrendas".

En todo caso, chamou á calma e trasladou ás familias que "non hai lugar" para alarma". "Están as policías actuando de forma activa, levamos dous días nesta acción combinada e quérolle trasladar ás familias unha mensaxe de tranquilidade", manifestou.

Axentes do Servizo de Atención á Familia (SAF) da Comisaría de Vigo iniciaron unha investigación a raíz da denuncia que presentou a familia dunha menor, que indicou que un descoñecido se achegou á nena nas proximidades do CEIP Celso Emilio Ferreiro con intención, supostamente, de levala.

Fontes policiais explicaron que xa se tomou declaración a algúns menores, e que se está a seguir a pista dun vehículo gris, aínda que non transcenderon máis datos, precisamente para non xerar un pánico inxustificado e evitar malos entendidos e confusión.