Caballero defende a "abstención por responsabilidade política"

Actualizado: jueves, 27 octubre 2016 19:08

VIGO, 27 Oct. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, defendeu este xoves a decisión do comité federal do PSOE de absterse na segunda votación do pleno de investidura e facilitar a reelección de Mariano Rajoy como presidente do Goberno, e cualificouna de "abstención por responsabilidade política".

En declaracións aos medios, o rexedor olívico (que, como presidente da FEMP, é membro nato da Executiva socialista), recordou que, en primeira votación, os deputados do PSOE votarán 'non' para "poñer de relevo" o seu "rexeitamento ao proxecto do PP".

Pero Caballero defendeu a abstención en segunda rolda porque o PSOE ten "responsabilidade de Estado" e é un partido que "construíu" a España moderna. "Decidimos absternos porque hai que desbloquear as institucións. O Estado ten que funcionar", sentenciou.

Con respecto á posibilidade de que algúns deputados do seu partido pasen por alto a decisión do comité federal e manteñan o 'non' en segunda votación, Abel Caballero reiterou que non contempla que alguén "non asuma" a posición "democrática" do órgano do PSOE.

"Non se me ocorre pensar que alguén non vaia cumprir a decisión democrática votada no comité. Non contemplo que alguén non acate a democracia", sentenciou.