O cambio horario deste sábado supón unha diminución de ata o 0,4% do consumo eléctrico de Galicia

Bombilla, Luz, Electricidad
EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 24 octubre 2014 19:53

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Oct. (EUROPA PRESS) -

A modificación horaria deste sábado --cando ás 3,00 serán as 2,00 horas-- supón "un aforro potencial" de enerxía en iluminación estimado no 1% para o sector doméstico e do 3% para o sector servizos, o que leva aparellada unha diminución total no consumo eléctrico de Galicia próximo ao 0,4%.

Son datos da Consellería de Economía e Industria, que apunta que o aforro motivado por este cambio repercutirá sobre todo no ámbito familiar, xa que no industrial a estrutura de produción se mantén de forma constante, con independencia do horario.

O consumo de electricidade das familias galegas, apunta, supón o 30% do total autonómico despois da suba experimentada durante a última década, unha porcentaxe que implica un gasto medio anual en enerxía de 2.600 euros, maioritariamente no consumo de calefacción e vehículos.

O departamento que dirixe Francisco Conde recorda a importancia de adoptar medidas de eficiencia enerxética coa chegada do outono. Destaca, de feito, que o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) detectar posibles aforros de ata un 35% do consumo familiar con medidas "que non supoñen ningún custo".

Ao respecto da chegada do outono, sinala que implica por un lado o tradicional cambio de hora --na madrugada deste sábado, ás 3,00 serán as 2,00 horas-- e por outro un cambio climatolóxico que se traduce "na baixada das temperaturas e na diminución das horas de luz natural, o que representa un maior consumo en calefacción e iluminación".