Carracedo destaca a "base biolóxica" das adiccións e aposta pola xenética para crear "terapias personalizadas"

Ángel Carracedo inaugura las jornadas de Proxecto Home Galicia
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: miércoles, 28 enero 2015 16:35

Buscar os "xenes implicados" permitirá un tratamento máis adaptado ás "tipoloxías reais" de comportamento aditivo e un maior nivel de éxito

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Ene. (EUROPA PRESS) -

   O doutor Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago e experto en xenética, destacou este mércores as "bases biolóxicas" que inflúen nas condutas aditivas e apostou por fomentar a investigación xenética neste campo para crear "terapias personalizadas" cun maior nivel de éxito.

   Carracedo impartiu en Santiago a conferencia inaugural das xornadas que acollerá ata o venres a sede de Proxecto Home Galicia en Santiago e coas que a entidade conmemora os seus 25 anos de actividade. Nas sesións deste encontro participarán expertos de distintos campos, que achegarán a súa visión ao labor de prevención e tratamento das adiccións.

   Durante a súa conferencia, Ángel Carracedo apuntou que os datos existentes indican que "hai bases biolóxicas nas adiccións", aínda que estas tamén se ven influídas polos efectos do ambiente e a sociedade.

   En concreto, as cifras dos estudios apuntan a que a influencia da herdanza xenética nos trastornos aditivos está en torno ao 50 por cento, aínda que é variable segundo o tipo de droga e a propia persoa, na que inflúen cuestións como o ritmo de metabolización da propia substancia.

   Esta heredabilidad, indicou o experto, é "habitual nos trastornos psiquiátricos", polo que animou a traballar para "loitar contra o estigma" das adiccións; e superior ao doutras enfermidades como o cancro de mama, que os estudios sitúan nun 25 por cento.

MELLOR TRATAMENTO

   Por iso, Carracedo animou ás persoas que traballan neste campo a analizar os trastornos aditivos como "un problema biolóxico" e a ter en conta que "unha adicción non é igual a outra", dado que está influenciada pola propia persoa que a sofre.

   "Se atopamos os xenes implicados nunha adicción poderemos dividir o trastorno en tipoloxías e clases máis reais", destacou Carracedo, algo que serviría para aplicar tratamentos "personalizados" e máis eficaces.

   Neste sentido, o doutor explicou que esta información suporía evitar as terapias "de ensaio erro", nas que as persoas cun trastorno aditivo pasan por distintos tipos de tratamentos.

   "Na medicina en xeral facemos ás veces o tratamento ás cegas, sen saber cuales son as causas últimas", subliñou Ángel Carracedo, quen apostou por unha "medicina personalizada" na que se dea ao paciente o tipo de tratamento máis axeitado ao tipo de trastorno que padece.

DESENVOLVER FÁRMACOS

   Paralelamente, localizar a influencia genéntica dun problema permitiría "desenvolver fármacos" máis adecuados para combatelo, compartiu durante a xornada.

   Os estudios realizados polo momento mostran certas correlacións dalgúns xenes con determinadas condutas aditivas, unhas vías que "son bastante hipotéticas aínda" pero que "cada vez están máis consensuadas".

   "A investigación en xenética levará ás terapias personalizadas, pero aínda queda un longo camiño", asegurou Carracedo, que agradeceu o traballo que realiza o grupo de investigadores galegos liderado por Manuel Arrojo e Xabi Costas neste ámbito.

   Para concluír, Carracedo parafraseou a Claudia Wallis para recordar que "os xenes non causan a adicción", senón que "cargan a arma" mentres que o ambiente "aperta o gatillo". "O futuro será saber como evitar o disparo", sentenciou.

XORNADAS PROXECTO HOME

   A sede de Proxecto Home Galicia en Santiago acollerá ata o venres distintas conferencias e mesas redondas que analizarán os retos presentes e futuros da loita contra as adiccións e que conmemorarán o 25 aniversario de actividade da entidade.

   Durante a inauguración destas xornadas, o director de Proxecto Home, Ramón Gómez Crespo, quixo facer un "recoñecemento expreso" o equipo de terapeutas e traballadores da entidade, así como os colaboradores, sen os que "nada sería posible".

   Na mesma liña, recordou que a entidade, que leva "25 anos de servizo solidario apostando polo ser humano", traballou "dende o inicio" en propiciar "un cambio na mentalidade social". "O problema das adiccións é un problema de toda a sociedade", recordou Gómez Crespo.

   Por iso, apostou por continuar un "diálogo aberto" coa sociedade, no que cobre importancia "as experiencias" e "os avances científicos" para ser "máis eficaces no tratamento".

   No acto tamén interveu o presidente da Fundación Monte do Gozo, o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, que se permitiu "soñar" co "día en que non sexa necesario ter este tipo de proxectos". "É moito o que queda por facer", indicou Barrio Barrio, que garantiu a colaboración nesta materia da Igrexa, o "único camiño" da cal é "o home".

   Finalmente, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, agradeceu a Proxecto Home os seus "25 anos invertendo na sociedade" e reafirmou o seu compromiso persoal e institucional co labor que desempeña esta entidade.