O CDG representa 'Camiños', un "collage escénico" sobre a identidade galega

Centro Dramático Galego e Butacazero porán en escena 'Camiños'
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 23 enero 2018 12:21

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Ene. (EUROPA PRESS) -

O Centro Dramático Galego (CDG) e Butacazero porán en escena esta semana en Santiago a súa coprodución 'Camiños', un "collage escénico" que dá voz á "xeración millenial" e que reflexiona sobre a identidade galega.

Xavier Castiñeira, o director da peza, presentou este martes a coprodución nunha rolda de prensa na que tamén participaron en director da Agadic, Jacobo Sutil, e a responsable do CDG, Fefa Noia.

Aínda que apostou por que sexa a propia obra a que "fale" ao público, Castiñeira adiantou que a súa intención foi a de "dar voz a unha nova xeración teatral", a "xeración millenial", co obxectivo de que o seu punto de vista e as súas propias ferramentas estean presentes na obra.

Deste xeito, 'Camiños' articúlase como un "collage escénico" dominado por unha linguaxe de "hipervículo" baseado en Internet e no que conviven diferentes xéneros e disciplinas, sempre con presenza da "ironía e a crítica".

En global, a montaxe "reflexiona dunha forma profunda sobre a identidade galega", en palabras de Fefa Noia, que agradeceu a aposta de Butacazero pola "renovación" da escena galega, coa confianza depositada en "novos talentos".

FUNCIÓNS EN SANTIAGO

O Salón Teatro de Santiago acollerá desde este mércores funciones para escolares e 'Camiños' iniciará os seus pases o xoves ás 20,30 horas. O venres e o sábado haberá función á mesma hora, mentres que o domingo adiantarase ás 18,00 horas. Após o seu paso por Santiago, a obra iniciará unha xira que a levará pola Coruña e Vigo.

Esta é a segunda coprodución que o Centro Dramático Galego promove esta temporada, após Elisa e Marcela. Jacobo Sutil, que destacou os beneficios deste tipo de colaboracións, lembrou que na presente temporada haberá aínda dúas novas coproducións.