Presentación de la memoria del CES
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: miércoles, 23 julio 2014 20:28
av2" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

Expresa a "súa preocupación" pola "paulatina redución" dos gastos sanitarios e os efectos na poboación en termos de listas de espera

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Jul. (EUROPA PRESS) -

   As consecuencias do "afondamento" dos efectos "sociais", malia o "punto de inflexión" detectado en 2013 con "melloras" nalgúns indicadores económicos, leva ao Consello Económico e Social (CES) de Galicia a "insistir na necesidade de incidir" nas medidas encamiñadas a "garantir os mínimos de subsistencia". Así mesmo, ve "primordial" adoptar actuacións para paliar as situacións de pobreza que afectan a poboación en idade infantil e xuvenil.

   A memoria do organismo correspondente ao ano pasado ratifica a "persistencia dos elevados niveis de desemprego", o "aumento dos niveis de pobreza" e a "redución dos ingresos" nos fogares, se ben a presidenta da comisión de traballo que realizou o estudio, Marta Mate, explicou que é "difícil" concretar unha evolución da situación pois moitos dos datos empregados son de 2012.

   En todo caso, documentos de organizacións como Cáritas inciden no aumento de familias galegas con máis necesidades. Igualmente, o estudio sobre a pobreza infantil na comunidade presentado este martes pola Xunta constata que un total de 18.000 fogares con menores de 18 anos ao seu cargo sofren carencia material severa en Galicia.

   O Goberno galego xa avanzou que este documento servirá para elaborar unha nova estratexia de inclusión social 2014-2020 con medidas que teñan a loita contra a pobreza infantil como "elemento transversal" e unha das súas "prioridades".

PRESTACIÓNS CONTRIBUTIVAS

   A memoria presentada pola presidenta do CES, Corina Porro, e varios colaboradores, ratifica que, ao peche de 2013, aproximadamente o 34 por cento dos case 2,8 millóns de habitantes de Galicia eran "beneficiarios" dalgún tipo de prestación social. En torno ao 80 por cento do total de beneficiarios en Galicia tiñan, ademais, unha pensión contributiva.

   Dada a "importancia social, cuantitativa e cualitativa" das pensións contributivas, o estudio apunta aos efectos derivados da existencia dun "diferencial negativo" de máis dun 17 por cento entre o importe medio das pensións contributivas en Galicia e a media estatal, o que mantén a gallea como a comunidade co importe medio das pensións contributivas máis reducido.

COBERTURA SOCIAL E SANIDADE

   O CES recomenda tamén "avanzar" na complementariedade das políticas de emprego coas de inclusión e protección social, coa convicción de que un contexto no que aumentaron os perceptores da renda de integración social e doutras prestacións require "adaptar a cobertura social" ás circunstancias derivadas pola "profunda" crise económica.

   No ámbito da saúde, reitera a necesidade de ter en conta que, "xunto cos recursos económicos dispoñibles, a evolución e idiosincrasia demográfica galega condiciona de forma fundamental as necesidades actuais do sistema sanitario, entre outros.

   Igualmente, propón aumentar os fondos destinados á investigación e á implementación de programas de cribado que permitan reducir a incidencia das enfermidades tumorais, o incremento das cales constatan, así como que "favorezan a efectividade" dos tratamentos.

"PREOCUPADO" POLA BAIXADA DE GASTO SANITARIO

   Para as listas de espera, advirte que se debe "priorizar axeitadamente os pacientes" e "garantir que non se exceden os tempos máximos establecidos". Os protocolos usados para o seu deseño deben ser adecuados para que as devanditas listas proporcionen a información necesaria para "valorar o cumprimento" dos obxectivos marcados.

   Ao tempo e "como piar fundamental" do modelo de benestar social, o CES expresa a "súa preocupación" pola "paulatina redución" dos gastos sanitarios e os efectos que ten na poboación en termos de listas de espera e menos recursos" asistenciais, pero tamén para as políticas de prevención e, sobre todo, dada a estrutura poboacional galega, no que respecta ao gasto farmacéutico".

POLÍTICAS SOCIAIS

   Tras analizar a conxuntura social de Galicia, o CES chama a atención sobre a importancia, nestes momentos, de reforzar todas as actuacións e medidas de política social, educación e sanidade que permitan "manter unhas condicións de vida dignas" e que contribúan á "cohesión social".

   A persistencia da crise, continúa o estudio, tamén pon de manifesto a "vulnerabilidade" das familias, con "serios problemas" para facer fronte aos seus compromisos de pagamento en bens como a vivenda e as súas dificultades para manter "cubertas as necesidades básicas".

   Por iso, o CES reclama un papel "máis activo" das políticas de vivenda social co fin de garantir o "dereito universal a unha vida digna". "En especial", entende tamén que resulta "primordial" implementar medidas para paliar as situacións de pobreza que afectan a poboación en idade infantil e xuvenil.

   Do mesmo modo, fronte á "redución" de recursos presupostarios ou a "minoración" das contías, considera "prioritario" que todas as persoas con dereito á dependencia recoñecido accedan á súa prestación "no menor tempo posible". Finalmente, considera "importante" sensibilizar, sobre todo aos mozos, nos ámbitos de igualdade e contra a violencia machista.

Más noticias