A CIG renovará nun 60% a súa executiva confederal no congreso deste fin de semana

Suso Seixo (CIG), no centro
EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 26 mayo 2017 14:14

Terminado o prazo confírmase que só hai unha candidatura e por tanto que Paulo Carril dará a substitución a Suso Seixo á fronte da central

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 May. (EUROPA PRESS) -

A CIG renovará nun 60% a súa executiva confederal no congreso deste fin de semana, no que Paulo Carril dará a substitución a Suso Seixo á fronte da secretaría xeral, unha vez confirmado que unha única candidatura concorrerá ao conclave.

Dúas xornadas de debate, a do sábado 27 e a do domingo 28, nas que un total de 706 delegados --540 elixidos directamente polas federacións nas distintas comarcas e os restantes membros do consello confederal e da comisión de garantías-- analizarán o traballo desenvolvido no últimos catro anos e definirán os obxectivos que se fixa a central sindical para o próximo período.

Terminado o prazo de presentación de candidaturas, confírmase, así, que só unha concorrerá á executiva confederal e á secretaría xeral nun congreso que a CIG cualifica de "histórico", posto que "compañeiros que levantaron a central nacionalista dan a substitución a unha nova xeración que será, en diante, a encargada de dirixila".

Así, a central destaca o "enorme sacrificio persoal" do ata agora secretario xeral, Suso Seixo, pero tamén do responsable de comunicación, Francisco Miranda Vigo; o de negociación colectiva, Antolín Alcántara; o de finanzas, Ramiro Oubiña; e a tristemente falecida Elvira Patiño.

"Cun enorme sacrificio persoal, coherencia e un compromiso inquebrantable co noso país e coa clase traballadora galega foron capaces de levantar o sindicalismo nacionalista ata convertelo no que hoxe é a CIG", subliña.

Xunto aos congresistas estarán tamén representantes de delegacións convidadas.

PROGRAMA

O congreso arrinca este sábado ás 9,00 horas no palacio de congresos compostelán. Ás 10,00 horas está previsto o debate e a votación do regulamento das sesións do congreso e a orde do día e unha proxección audiovisual.

Xa ás 11,00 horas presentarase o informe de xestión. Pola tarde debateranse outros documentos e ás 18,30 horas está prevista a presentación de candidaturas.

O domingo, desde as 10,00 horas, continuará o congreso coa votación de cargos e membros de organismos. Clausúraa está prevista para as 11,30 horas.