O comité de Povisa denuncia 12 despedimentos malia os beneficios millonarios e a sinatura do novo concerto co Sergas

Vigo Povisa
EUROPA PRESS/REMITIDO
Actualizado: lunes, 1 septiembre 2014 17:31

Lamentan que o Sergas e as autoridades laborais "miran para outro lado" mentres a empresa "fai o que lle dá a gana"

VIGO, 1 Sep. (EUROPA PRESS) -

O comité de empresa do hospital Povisa de Vigo denunciou este luns que, a pesar de obter un beneficio de 11 millóns de euros no último ano e da "estabilidade" que lle proporciona a sinatura dun novo concerto co Sergas, a empresa despediu 12 traballadores, algúns dos cales, levaban 10 anos neste centro.

Así o manifestou en declaracións aos medios a voceiro do comité, María Xesús Neira (CIG), quen sinalou que a única xustificación da empresa para explicar os despedimentos foi que se trataba de "cesamentos de contrato" unha vez que se asina o novo concerto (que entra en vigor precisamente este luns).

"É indignante que unha empresa con 11 millóns de beneficios estea a despedir xente", proclamou Neira, quen sinalou que, durante os meses de xullo e agosto, se contratou "bastantes persoas" con peores condicións e que, en caso de que houbese unha xustificación para despedir, se debería prescindir desas incorporacións.

Non obstante, a voceiro do comité denunciou que, non solo "hai un déficit de persoal", senón que se precarizaron as condicións laborais, hai despedimentos, "e a empresa segue sin querer negociar o convenio colectivo". "¿Como se vai manter a estabilidade así?", preguntou a representante sindical.

"CULPA DO PP"

María Xesús Neira, ademais de criticar a actitude da empresa, responsabilizou, en última instancia ao goberno da Xunta e ao Sergas. "Todo isto é culpa do PP", coa súa política de recortes", afirmou, e recordou que os problemas laborais no hospital Povisa "son un prexuízo para os usuarios porque mingua a calidade da atención".

A voceiro do comité lamentou que os últimos despedimentos, así como outras situacións que xa denunciaron (a negativa a negociar un novo convenio ou o cumprimento de sentenzas xudiciais favorables aos traballadores), poñen de manifesto que "na Inspección de Traballo manda a dirección de Povisa, e nos xulgados manda a dirección de Povisa", porque se incumpren as resolucións "e non se lles sanciona".

"Todos miran para outro lado, mentres Povisa fai o que lle dá a gana", sentenciou Neira, quen criticou que a actuación da dirección do hospital demostra que "quere traballadores á carta".

Os traballadores celebran este luns unha asemblea, seguida dunha concentración para denunciar os últimos despedimentos. O comité anunciou que tomará todas as medidas legais que estean na súa man para evitar os despedimentos e outras irregularidades, e non descartan iniciar mobilizacións.