O Concello de Lugo confirma a sanción de 30.000 euros a Urbaser pola folga do lixo do verán de 2014

Actualizado: miércoles, 28 enero 2015 15:25

LUGO, 28 Ene. (EUROPA PRESS) -

O voceiro do goberno local no Concello de Lugo, Luis Álvarez, informou de que a xunta de goberno deste mércores acordou desestimar as alegacións da empresa Urbaser e confirmou a imposición dunha sanción de 30.000 euros por comisión dunha "falta moi grave" durante a folga de recollida de lixo o pasado verán.

Os técnicos municipais rexeitaron as argumentacións de Urbaser no seu recurso de reposición contra esta sanción. A adxudicataria pedía que se suspendese a multa, porque "os xulgados están a dilucidar nestes momentos sobre o incumprimento dos servizos mínimos ante a solicitude presentada pola empresa de declaración de folga ilegal", explicou Álvarez.

Non obstante, o voceiro do goberno local sinalou que o Concello "non admite estes argumentos, porque a empresa pretende que se suspenda un proceso, o administrativo, xa concluso, que se dirixe a Urbaser como empresa contratista mentres que o proceso legal se está a seguir contra os traballadores".

Para que o recurso fose tido en conta, os dous procedementos terían que ter "unha identidade absoluta", pero "non é o caso a xuízo dos técnicos municipais", indicou.

Noutra orde de argumentos, a xunta de goberno aprobou a renuncia do contrato coa empresa Véndex, adxudicataria do servizo ORA no Concello de Lugo. Deste modo, dáse cumprimento ao acordo unánime alcanzado no pleno do pasado mes de decembro a raíz dunha proposta do Grupo Municipal do PP.

Álvarez criticou que agora o PP pida a suspensión do contrato, xusto despois de que "se cumpra exactamente a súa proposta do mes de decembro". Ademais, engadiu que "se eles gobernasen, saben que non poderían suspender o servizo". "Piden aquí o que non fan onde gobernan", remachou.