O Concello de Santiago defende que os cortes polo paso da Volta son "imprescindibles" e pide desculpas

Actualizado: viernes, 12 septiembre 2014 18:43

O alcalde destaca a "oportunidade" e "honra" que supón ser meta da rolda e confía na "comprensión" dos santiagueses

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Sep. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, pediu desculpas aos compostelanos polas molestias que se poidan derivar do traballo de "organización e coordinación" da final da Volta Ciclista a España, que terá lugar na capital galega o próximo domingo.

Así mesmo, o rexedor santiagués manifestou que o concello fará un "grande esforzo" para que a normalidade sexa a máxima posible a pesar dos peches que se produzan como consecuencia do evento.

Nesta liña, o alcalde afirmou que é consciente de que haberá moitos veciños que se vexan afectados pola existencia dun complexo operativo, pero resaltou que é "imprescindible para un evento desta magnitude".

Ademais, destacou que dende o concello colaboran "ao máximo" coa organización e participan de forma "moi directa". Así, subliñou que intentarán limitar os efectos sobre "o desenvolvemento da vida da cidade", como consecuencia do peche de 10 quilómetros de percorrido entre as 12,00 e as 21,00 horas.

"BOA DISPOSICIÓN DA CIDADANÍA"

Por outra banda, Hernández mostrou a súa confianza na "boa disposición e na comprensión" do conxunto da cidadanía para contribuír a "minorar estes efectos".

O alcalde compostelano recordou "o que significa" para Santiago ser a meta final desta competición e fixo fincapé en que é "unha honra e unha oportunidade" para difundir a cidade, así como para asistir en directo a un espectáculo que reúne arredor das televisións a millóns de persoas. Por iso, animou aos veciños de Santiago a que aproveiten para gozalo e vexan os mellores ciclistas do mundo.

Finalmente, os organizadores proxectarán un espectáculo audiovisual "parecido ao 25 de xullo" tras a entrega de trofeos, ás 21,45 e ás 22,15 horas. Ao rematar, terá lugar o concerto do grupo Russian Red.

RECOMENDACIÓNS

Agustín Hernández deu algunhas recomendacións aos viaxeiros que visiten Santiago o domingo. Aparcar na zona sur e evitar a entrada na cidade por San Lázaro foron os principais consellos do rexedor.

Así mesmo, para evitar atoamentos, aconsellou os santiagueses que non usen o coche durante o domingo e se despracen camiñando na medida do posible.