Condenados por atentado tres estudantes xulgados por altercados tras unha marcha en Ourense en 2012

Actualizado: viernes, 24 abril 2015 15:06

Deberán indemnizar os axentes e pagar ao Ministerio do Interior 10,36 euros por unhas esposas

OURENSE, 24 Abr. (EUROPA PRESS) -

O Xulgado do Penal número 2 de Ourense condenou por delito de atentado a tres dos sete estudantes xulgados en febreiro polos altercados acontecidos tras unha manifestación que rematou ante a Delegación da Consellería de Educación, en outubro de 2012, pero absolveu a todos eles do delito de desordes públicas.

Nunha sentenza á que tivo acceso Europa Press, o titular do xulgado considera que durante os dous días do xuízo quedou probado que os acusados Ángel José M.P., Antón G.C., Jon S.G., Alexandre F.R., Pablo G.R., Daniel C.G. e José Manuel A.D., formaron parte dun grupo de persoas que permaneceu ante a delegación da consellería tras unha marcha e "trataron de acceder ao edificio intentando sortear un cordón policial establecido para evitalo".

Na "algarada" orixinada, segundo a sentenza, os manifestantes situados "na segunda liña", ante a cristalera da entrada do edificio e o cordón policial, "insultaron e golpearon os axentes, con puños e con paus mastros das bandeiras," mentres coreaban expresións como "policía asasina", "esta noite mirade baixo o coche" ou "xa vos colleremos fóra, témosvos gravados".

Segundo o relato do xuíz, mentres acontecían eses feitos, outros suxeitaron a un axente e lle "arrastraron pola escaleira" exterior, e golpeáronlle no chan, o que provocou a intervención doutro que acudiu no seu auxilio "e á súa vez foi botado ao chan e agredido". Os acusados teñen na actualidade idades comprendidas entre os 21 e os 27 anos.

AGRESIÓN CON MASTRO DE BANDEIRA

O primeiro recuperou a súa posición, segundo a sentenza, e foi agredido na cabeza polo acusado Antnon G.C., "co mastro dunha bandeira, o que provocou traumatismo cranio-encefálico leve, contusión costal leve e erosión en cóbado esquerdo".

Outro dos acusados, Jon S.G., segundo o xuíz, "en compañía doutros", rompeu os lentes e unha cadea de ouro a outro policía "ao tempo que lle propinaba diversos puñazos", polo que foi esposado xunto a outro.

Isto provocou que o resto dos manifestantes "tirasen dos dous esposados", polo que a policía decidiu quitarlles os grifóns "circunstancia aproveitada" polo acusado para escapar coas esposas "aínda postas", o que orixinou "un forcexo con outro axente ao que o provocou unha escordadura de boneco que precisou férula de inmobilización e rehabilitación".

En relación ao acusado Anxo José M.P., o xuíz ve probado que golpeou un axente na cabeza, feitos que o estudante, natural de Lugo, recoñeceu no xulgado.

UN E DOUS ANOS DE PRISIÓN

O xuíz condena a prisión aos tres autores dun delito de atentado, tras estimar que o relatado polos axentes da autoridade "ten un plus de veracidade con presunción de obxectividade e imparcialidade, a falta de probas contrarias", polo que o relatado polos policías autonómicos "goza de maior credibilidade".

Os agresores foron ademais "debidamente identificados polos axentes policiais" no lugar dos feitos e no xuízo, ademais de en fotografías tomadas por eles mesmos, que están nos autos.

Así, Antón G.C. é condenado como autor dun delito de atentado a dous anos de prisión, e por lesións a 180 euros de multa, ademais de indemnizar con 700 euros o axente arrastrado polas escaleiras e logo agredido cun mastro. Este acusado, segundo a sentenza, tamén deberá pagar ao Sergas as facturas pola asistencia sanitaria prestada ao axente.

Pola súa parte, Jon S.G. é condenado a dous anos de prisión e ao pagamento de 180 euros de multa por unha falta de lesións, ademais de indemnizar con 3.600 euros o axente ao que rompeu os lentes e unha cadea de ouro, e o Ministerio de Interior con 10,36 euros polas esposas.

O terceiro condenado por atentado, Anxo José M.P., éo a un ano de prisión, porque o xuíz aplicou a circunstancia atenuante de "reparación de dano", ademais da multa de 180 euros por lesións.

ABSOLVIDOS DE DESORDES

En relación á acusación de desordes públicas, mantida pola Fiscalía e que podería supoñer un incremento no tempo de prisión, o xuíz considerou que "non quedou acreditado" que os sete acusados actuasen "co propósito de alterar a normal convivencia" cidadá, pois segundo a declaración dos manifestantes, a súa intención era deixar carteis e panfletos dentro da consellería e "nada do actuado desvirtúa" esas afirmacións.

Ademais, "non hai constancia" de denuncias nin queixas de cidadáns que visen limitado o seu dereito a acceder ao edificio nin polos funcionarios que traballan na consellería.