A conselleira de Medio Ambiente anuncia compensacións económicas para os propietarios das Fragas do Eume

Actualizado: viernes, 27 febrero 2015 18:34

Asegurou que se mellorará a planimetría e que se creará unha comisión cos propietarios, produtores e concellos

FERROL, 27 Feb. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Medio, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, asegurou, nunha visita ao Concello de Cabanas (A Coruña), que o Plan Reitor de Usos e Xestión das Fragas do Eume incorporará compensacións económicas para os propietarios das Fragas do Eume.

Así, explicou que este documento elaborado polo seu departamento se atopa a exposición pública e en fase de recepción de alegacións, e agora "incorporará unha memoria económica, con fondos, que repercutirán directamente nos propietarios, nos produtores e nos concellos" que abrangue este territorio.

Ethel Vázquez mantivo este venres un encontro no Concello de Cabanas co seu alcalde, Germán Castrillón (PP), e cos rexedores de Pontedeume, Gabriel Torrente (PP) e Monfero, o independente Benxamín Modesto (Icmon). Tamén participou o candidato do Partido Popular á Alcaldía da Capela, Santiago Meizoso.

Tras o encontro, Ethel Vázquez tamén aproveitou a súa comparecencia para criticar "as falsidades ou medias verdades que algúns están a manifestar con respecto a esta tramitación, co obxectivo de confundir aos veciños das Fragas do Eume".

NOVO PLAN

Ethel Vázquez tamén destacou que xa deu "instrucións" no seu departamento para que "se"mellore a planimetría e que se analice palmo a palmo, metro a metro, todo este espazo e dispoñer polo tanto un documento á altura das Fragas do Eume".

A conselleira de Medio tamén destacou que darase resposta a todas e cada unha das alegacións presentadas polos propietarios e explicou que se decidiu "crear un grupo de traballo multidisciplinar, coa presenza dos propietarios, produtores e os concellos" para que todos os axentes implicados teñan "voz e información".

Ethel Vázquez tamén afirmou que teñen previsto realizar charlas informativas, "para que a información non chegue distorsionada a todos os propietarios, co obxectivo de lograr un documento co máximo consenso".

AGRADECEMENTO

Pola súa banda, o alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, agradeceu "a preocupación" de Ethel Vázquez por este plan de usos e emprazou a "tódolos protagonistas" a buscar "o consenso".

Reclamou a necesidade de entaboar "dialogo" cos propietarios e recordou que tras a declaración do Parque Natural de Ás Fragas do Eume, en 1997, "talvez non se escolleu o mellor xeito" para a súa creación".

Castrillón tamén quixo enviar unha mensaxe tranquilizadora aos propietarios terreos e parcelas, instando tamén á Consellería de Medio Ambiente "a escoitalos a todos eles".