A conselleira de Medio Ambiente avanza que o Plan básico autonómico será "unha realidade" este mesmo verán

Publicado: miércoles, 29 marzo 2017 19:53

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Mar. (EUROPA PRESS) -

A Xunta contará este mesmo verán co primeiro borrador do Plan básico autonómico, un documento que, segundo subliñou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, tamén este mércores, identificará os 33.000 núcleos de poboación de Galicia e as súas afeccións sectoriais.

A data concretouna a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a súa intervención na xornada sobre o regulamento da lei do solo, organizada pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en Santiago.

Mato indicou que as previsións do seu departamento consisten en iniciar unha rolda de contactos coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e cos concellos para ofrecerlles toda a información sobre este instrumento e, a continuación, sometelo ao trámite de información pública á cidadanía.

Do mesmo xeito que Feijóo, incidiu en que o plan poderá estar aprobado a mediados do ano próximo.

Grazas a este documento, cun orzamento de 250.000 euros, identificarase a totalidade dos asentamentos de poboación existentes en Galicia, que son 33.000, á vez que recollerá todas as afeccións derivadas das lexislacións sectoriais (infraestruturas como estradas, portos ou parques eólicos, pero tamén as do medio físico ou as patrimoniais).

Mato Otero indicou que este plan poderá beneficiar a case 50 concellos, que na actualidade réxense por unhas normas con data de 1991.

A lei do solo tamén recolle a figura dos plans básicos municipais, unha ferramenta para dar resposta urbanística aos municipios de menos de 5.000 habitantes que non conten con plan xeral e que dispoñen de menos recursos económicos e de persoal para a redacción do mesmo.