Contidos de prensa histórica incorpóranse á biblioteca dixital de Galicia

Imagen de La Zarpa, que se incorpora a la Biblioteca digital de Galicia
XUNTA
Actualizado: miércoles, 20 agosto 2014 14:47

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria impulsa a biblioteca dixital de Galicia, que leva o nome de 'Galiciana', a través da incorporación de novos contidos aos seus fondos, entre os que se atopan títulos de prensa histórica galega.

En concreto, segundo informou a consellería a través dun comunicado, "ao amparo da colaboración" coa Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense, 'Galiciana' "pon a disposición da cidadanía" a colección completa da publicación periódica 'La Zarpa', fundado por Basilio Álvarez e publicado entre 1921 e 1936.

Nesta publicación, os usuarios poderán atopar artigos e debuxos "dunha ampla relación de colaboradores", explicou a Xunta, ao que engadiu que, entre estes, atópanse "nomes tan destacados da cultura galega" como os de Castelao, Noriega Varela, Valentín Paz Andrade, Alexandre Bóveda, Outero Pedrayo, Losada Diéguez e os Irmáns Vilar Ponte.

Así, os cidadáns terán acceso á colección completa de 'La Zarpa', un total de 3.804 números publicados entre o 27 de xullo de 1921 ata o 4 de agosto de 1936. Todo iso supón un total de 31.284 novas imaxes que permiten a busca de texto completo.

"MICROSITIO"

Así mesmo, 'Galiciana' divulga os fondos dixitalizados da Biblioteca Municipal de Estudos Locais da Coruña, que inclúen unha selección de documentos dos séculos XVII ao XIX relacionados coa historia de Galicia e da Coruña.

Estes documentos supoñen un total de 134 títulos, nos que se inclúen dende publicacións menores, como ordenanzas, regulamentos, instrucións ou boletíns; ata a historia de Galicia a través de historiadores como López Ferreiro, Martínez Salazar e Benito Vicetto.

Por outro lado, o departamento de Cultura puxo en marcha un "micrositio" específico en Galiciana para "facilitar a accesibilidade e contribuír á difusión" dos fondos dixitalizados desta biblioteca, asegurou a Xunta. Ademais, destacou que esta inclúe autores tan destacados como Manuel Murguía, Alfredo Brañas e Valentín Lamas Carvajal para a cultura galega.

Finalmente, con motivo da exposición que se pode visitar actualmente na Biblioteca de Galicia sobre a colección cartográfica de Rodolfo Núñez de las Cuevas, Galiciana incrementou o seu fondo cartográfico dixitalizado con algún dos mapas que forman parte desta mostra.