A corrente crítica Cerna quere que Anova renuncie "expresamente" a candidaturas nas municipais

Presentación de enmiendas a la totalidad de Cerna, Anova
ANOVA
Actualizado: miércoles, 1 octubre 2014 18:43

Defende rexistrar un partido político "instrumental" para poder acceder ás deputacións provinciais

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Oct. (EUROPA PRESS) -

A corrente crítica Cerna, no que se integra o colectivo de dimisionarios da dirección tras o pulso con Xosé Manuel Beiras pola concorrencia ás europeas, pide que Anova renuncie de forma "expresa" a concorrer ás eleccións municipais do ano que vén como organización, nin soa nin en coalición, e que, no seu lugar, "aposte pola unidade cidadá".

Na súa emenda á totalidade aos textos para a segunda asemblea de Anova, que se celebrará a fin de semana do 11 e 12 de outubro, Cerna defende, co fin antes dito, que as candidaturas das municipais sexan "radicalmente democráticas, que acepten a pluralidade e estean abertas tanto na elaboración do programa coma na designación de candidatos".

Pide que as candidaturas se comprometan a traballar "sometidas ao mandato da cidadanía que as promoveu", mesmo coa "posibilidade da revogación". Aposta, así mesmo, por que as candidaturas locais "unan forzas a nivel galego" cun programa galego común".

Finalmente, sobre este apartado, Cerna aposta por que a "única fórmula congruente co anterior e posible para concorrer ás deputacións" é legalizar un partido de xeito "instrumental" do que sexa dona á cidadanía e "non se acoller á cobertura de coalicións ou partidos preexistentes como garantía prevalencia cidadá neste proceso".

Estas propostas foron presentadas en rolda de prensa polos membros da Comisión de Coordinadora de Cerna Paula Vázquez Verao e Pablo Escobero, os que tamén destacaron a proposta de "reduplicar os esforzos para nutrir ao grupo de AGE iniciativas que transformen o programa electora en medidas que se tomarían se estivesen no Goberno da Xunta".

Ao respecto das candidaturas de unidade, Cerna quere, á marxe das propostas realizadas, reclamar as demais forzas políticas "que fagan o mesmo" e tamén renuncien ás marcas partidarias para apoiar estes movementos.

MANTER OS TEXTOS FUNDACIONAIS

Anova entende que hoxe en día está "constatada a crua" realidade que xa anunciara na súa constitución, polo que é preciso "afondar nas estratexias de fronte ampla non excluínte", pero "partindo da experiencia de Anova nas autonómicas ou nas europeas, nas que candidaturas como Podemos puxeron en jaque o bipartidismo e confirmaron que a fórmula de unidade cidadá é a acertada".

En canto á tese organizativa, os críticos tamén a emendan e piden que Anova-Irmandade Nacionalista "se ratifique nos textos fundacionais e manter os principios organizativos, estatutos e principios ético-políticos vixentes" e que son froito, engaden, do consenso constituínte.

Esta corrente considera que "o único fallo" da tese organizativa foi o seu "incumprimento" ou que non se puxeron en práctica. Tamén neste apartado advirte que o devir de Anova dende a primeira asemblea "afastou o horizonte da militancia única", toda vez que esta organización se foi nutrindo de varias sectores e mesmo partidos como Encontro Irmandiño e a FPG.

"Pero, para que Anova poida ser cada vez máis un instrumento independente e implantado no país, debe retomar ese camiño e propoñerse a fixación dun prazo relativamente breve para acordar a militancia exclusiva en Anova, porque non é admisible a existencia de estruturas incompatibles co tipo de organización que somos", explican na súa emenda á totalidade dos textos organizativos. "Unha única militancia interna dentro de Anova e non por siglas, lobbies ou camarillas".

Os críticos defenden que se trata de "manter os estatutos actuais", fronte á "tendencia da actual Comisión Permanente", cuxos cabezas son Xosé Manuel Beiras, como voceiro, e Martiño Noriega, como coordinador, á que acusan de "recentralizar en detrimento das asembleas de base".