Críticos acusan á xestora do PSdeG e a Leiceaga de ser "incapaces de buscar a integración" nas listas

Publicado: sábado, 30 julio 2016 18:33

Losada cualifica de "inconstestable" a vitoria da candidatura que lidera e asegura que os resultados "non "poden ser cuestionados"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Jul. (EUROPA PRESS) -

Críticos do PSdeG vinculados ás persoas que defenderon a José Luis Méndez Romeu no proceso de primarias para decidir o aspirante á Xunta acusaron a xestora e o candidato, Xoaquín Fernández Leiceaga, de ser "incapaces de buscar o acordo e a integración" na elaboración das candidaturas para as eleccións autonómicas.

Estas fontes precisaron que os Comités provinciais celebrados o pasado venres en Ourense e Pontevedra foron "de asistencia numerosa" en contraste con os que tiveron lugar este sábado en Lugo e A Coruña, onde "a maior parte dos membros non acudiron" e na que resultaron elixidas unhas propostas de listas "compostas maioritariamente por militantes descoñecidos e sen proxección política e pública" debido a que son provincias "dominadas maioritariamente polo aparato oficial" do partido.

Así, aseguran que nos comités das provincias do sur de Galicia "impúxose o sentido común e respectouse á militancia", mentres que en A Coruña e Lugo "a pelexa é tan grande" entre xestora, candidato e as provincias que "se anulan" as propostas "que poidan espertar o interese do electorado".

Segundo estas fontes, esta situación "vai xerar unha forte desmotivación" na militancia socialista que, de confirmarse as "ameazas" do candidato de modificar as "candidaturas que elixiu a militancia", podería derivar nun "forte impacto nas perspectivas electorais".

"VITORIA INCONTESTABLE"

Pola súa parte o vigués Abel Losada, que lidera a proposta de lista elaborada polo comité provincial de Pontevedra, celebrou nun comunicado a "vitoria incontestable" da candidatura, que é unha "lista de equipo" e na que están "representadas todas as bisbarras da provincia".

"Os resultados democraticamente conseguidos non poden ser cuestionados por ninguén, senón que teñen que ser aplaudidos por todos", declarou.

Así as cousas, Losada apuntou que a lista que lidera "representa incontestablemente" ao socialismo pontevedrés, xa que obtivo o apoio de "dous terzos na executiva e 25 puntos de marxe" nas votacións do comité provincial.

"Por moito que algúns intenten ocultar o resultado, a vitoria por 25 puntos é incuestionable", espetou o vigués.