A Delegación do Goberno fala de "posible caso de violencia de xénero" en Pazos de Borbén (Pontevedra)

Actualizado: miércoles, 30 julio 2014 0:26

Sería a quinta vítima mortal por esta causa en Galicia no que vai de ano e a número 32 en España

VIGO, 30 Jul. (EUROPA PRESS) -

A morte dun matrimonio de octoxenarios a tarde do martes en Pazos de Borbén (Pontevedra) é "un posible caso de violencia de xénero", segundo avanza a Delegación do Goberno, co que esta sería a quinta vítima mortal rexistrada en Galicia no que vai de ano por esta causa e a número 32 en España.

A muller, cuxo cadáver foi atopado nunha poza de auga na rúa, ao lado dun lavadoiro público que hai próximo á vivenda do matrimonio, era veciña de Pazos de Borbén e tiña de 81 anos de idade. Pola súa banda, o seu marido, de 79 anos de idade, apareceu aforcado nun alpendre anexo á residencia familiar.

A voz de alarma dérona os veciños que atoparon o cadáver da muller en torno ás 20.30 horas deste martes e avisaron ao Centro de Atención a Emerxencias 112-Galicia, que mobilizou á Garda Civil.

A Garda Civil de Pontevedra mantén aberta a investigación para determinar o acontecido, pero tanto este corpo de seguridade como o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) xa sinalaron que non hai constancia de que a vítima presentase denuncias previas.

OUTROS CASOS EN GALICIA

A falecida este martes en Pazos de Borbén é a primeira vítima de violencia machista acontecida na provincia de Pontevedra, mentres que as catro anteriores falecidas este ano localizáranse en Cervo (Lugo), O Pino (A Coruña), Foz (Lugo) e a cidade da Coruña.

A Delegación do Goberno en Galicia e a Subdelegación en Pontevedra aproveitou para expresar a súa "repulsa por este tráxico suceso", así como "reprobar a todos aqueles que exercen a violencia". Así, reiterou o seu chamamento a todas as mulleres que sofren malos tratos, e aos seus familiares e achegados para que denuncien aos agresores.

Ademais de reivindicar "a necesaria implicación de toda a sociedade contra toda violencia, especialmente a exercida contra as mulleres", a Delegación do Goberno en Galicia recordou a importancia de usar o teléfono 016, que é gratuíto e garante a confidencialidade da chamada, xa que non queda rexistrado na factura telefónica.