A delegación do Parlamento galego detecta unha "sistemática violación dos dereitos humanos" no Sáhara Occidental

Intergrupo
EUROPA PRESS/REMITIDO
Actualizado: martes, 15 abril 2014 15:47

Alertan de podrecía non cumprirse o alto ao lume establecido e reclaman que a ONU renove o seu apoio

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Abr. (EUROPA PRESS) -

O intergrupo Parlamentario 'Paz co Sahara' da Cámara galega constatou, na súa misión de observación no Sáhara Occidental, unha "sistemática violación dos dereitos humanos" cara aos saharauís orientada a "facer calar aos movementos de resistencia" cara a Marrocos.

Así evidénciano nas conclusións da súa misión de observación, realizada entre o 27 de febreiro e o 3 de marzo nesta zona e que remitirán agora á presidenta da Cámara, Pilar Rojo, para que o faga chegar ás "entidades con capacidade de tomar decisións" relacionadas con este conflito.

No documento, o grupo formado por Gonzalo Trenor (PP), Carmen Gallego (PSOE), Xavier Ron (AGE) e Montse Prado (BNG) denuncia que durante a visita a delegación galega foi "sometida a un constante seguimento e vixilancia" dos seus movementos, "incluídas a gravación de imaxes e a realización de fotografías", algo que cualifican de "asfixiante".

En particular, o grupo puxo en acento sobre as "sistemáticas violacións dos dereitos humanos" constatadas de forma "clara" pola delegación, a través tanto de entrevistas coma de probas documentais.

Así, existe unha violación do dereito á liberdade de expresión e manifestación, dado que o goberno de Marrocos, denuncian, "exerce a represión contra as manifestacións pacíficas" e "o clima de intimidación é permanente".

Os mozos que se atreven a realizar denuncias sobre esta represión, recolle o informe, "son sometidos a tortura e retido en cárceres" o que provocou o "exilio" de moitos deles.

REXEITAMENTO Á SIMBOLOXÍA

Paralelamente, indica o intergrupo, as autoridades marroquís impiden "calquera uso da simboloxía identitaria e cultural do pobo saharauí". "Un simple carné coa bandeira saharauí é imposible de ofrecer aos socios das organizacións", indican os parlamentarios galegos.

Na mesma liña, está prohibido ensinar nas escolas a lingua saharauí, que debe transmitirse por vía familiar e se está a dar "un proceso de colonización cultural", no que "aspectos que son propios do pobo saharauí son apropiados e divulgados como propios de Marrocos".

No capítulo de violacións dos dereitos humanos, o grupo detectou tamén unha violación na igualdade de acceso a servizos como a saúde, dado que existen "problemas severos para acceder a medicamentos" e ás persoas con diversidade funcional lles resulta "imposible" acceder a elementos necesarios para eles, como muletas, cadeiras de rodas ou materiais de ensino adaptados.

Así mesmo, "non se verifica o dereito de tutela xudicial efectiva" dende os primeiros momentos dunha detención e "moitos saharauís son xulgados por tribunais militares sen ningún tipo de garantías".

As organizacións de dereitos humanos contabilizan unhas 530 persoas desaparecidas entre 1975 e 2014 e os activistas presos son "dispersados a centos de quilómetros" das súas familias.

Finalmente, o intergrupo alertou da posibilidade de que se estea a producir unha violación do alto ao lume establecido na zona, dado que diversos testemuños mencionan persoas mortas por ferida de bala e denuncian a desaparición de cadáveres que poderían dar conta desta situación.

ESTADO MILITARIZADO

As conclusións botan que El Aaiún é "unha cidade militarizada" e sometida a "constante vixilancia" por parte do goberno marroquí. Ao mesmo tempo, o asociacionismo saharauí "vive na marxinalidade" e as autoridades de Marrocos levan a cabo "tácticas de intimidación, persecución e mesmo detencións e confinamentos carcerarios para que abandonen" esta actividade.

Non obstante, os parlamentarios galegos consideran precisamente o activismo unha ferramenta clave para "derrubar o muro de silencio que construíu Marrocos" e para realizar a educación necesaria para que os mozos saharauís "non caian no desespero e decidan cometer actos de violencia".

Paralelamente, denuncian o "espolio" dos recursos naturais do Sáhara Occidental, que reverten en Marrocos mentres a poboación saharauí "non se ve beneficiada" por cuestións como a explotación do seu caladero pesqueiro.

CONCLUSIÓNS

Como resultado a esta observación, o intergrupo sinalou que a declaración institucional acordada en xuño de 2013 sobre a cuestión "ten plena vixencia" e reclama que o próximo 30 de abril o Consello de Seguridade da ONU acorde "ampliar o mandato" da Misión de Nacións Unidas para o Referendo no Sáhara Occidental (Minurso) co obxectivo de "garantir os dereitos humanos" nesta rexión.

A maiores, recollen, como peticións dos activistas, o dereito a autodeterminación do pobo saharauí a través do referendo, a defensa contra o "espolio da terra e os recursos naturais", a garantía de dereitos, a liberación dos presos políticos e a apertura da zona aos xornalistas internacionais para que poidan dar conta da súa realidade.