Denuncian que a falta de persoal de Patrimonio atrasa os traballos de prevención de incendios

Publicado: sábado, 23 junio 2018 13:16

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Jun. (EUROPA PRESS) -

   A Asociación Forestal de Galicia (AFG) denunciou que a falta de persoal na Dirección Xeral de Patrimonio provoca atrasos nos traballos de prevención de incendios nos montes que albergan elementos patrimoniais, o que ocasiona un maior custo para os seus propietarios.

   Así llo trasladou esta entidade á propia Dirección Xeral de Patrimonio nun encontro mantido esta semana no que, segundo recolle un comunicado, os socios da AFG expresaron que o seu "principal interese" é manter os elementos patrimoniais dos montes en "perfecto estado" sen que isto supoña "unha carga adicional" para os seus donos.

   Deste xeito, indican que os traballos de poda e roza en áreas forestais con presenza destes elementos vense "postergardos durante todos os meses do ano, en ocasións até pasado o verán" polos "atrasos" de Patrimonio na concesión de autorizacións.

   Por iso, piden unha "simplificación" dos trámites burocráticos necesarios para recibir o visto e prace da administración, especialmente naqueles montes que conten con "instrumentos de ordenación" aprobados pola Xunta de Galicia.

   Así mesmo, a AFG tamén reclama que os técnicos de Patrimonio, departamento dependente da Consellería de Cultura, asuman os informes e controis arqueolóxicos para que estes non teñan que ser asumidos polos propietarios.

   No encontro, segundo indica a asociación, a Dirección Xeral de Patrimonio lamentou que a falta de persoal fose o causante dos devanditos atrasos, polo que a AFG reclama á Xunta que dote de máis recursos técnicos e laborais a este departamento co fin de paliar a problemática.