Desarticulado un grupo que roubou gasolineiras de Pontevedra e A Coruña, con cinco detidos

Desarticulado un grupo que roubou varias gasolineiras
GUARDIA CIVIL
Publicado: sábado, 18 noviembre 2017 13:54

PONTEVEDRA, 18 Nov. (EUROPA PRESS) -

A Garda Civil desarticulou un grupo criminal organizado ao que se lle atribúe a comisión de polo menos nove roubos con forza en gasolineiras, cometidos durante os últimos meses en distintas localidades das provincias de Pontevedra e A Coruña. A operación saldouse con cinco persoas detidas, dúas por receptación.

Segundo informa a Garda Civil de Pontevedra, baixo a denominación de 'Operación Pitillo', as investigacións iniciáronse fai catro meses após detectarse a proliferación de roubos en gasolineiras na provincia de Pontevedra, fundamentalmente nas comarcas de Caldas e O Salnés.

Todos os feitos investigados foron roubos cometidos durante a noite e en estacións de servizo pechadas ao público. Na práctica totalidade dos casos accedían ao interior do establecemento violentando ou rompendo a porta cun mazo e o obxectivo prioritario era a subtracción das máquinas expendedoras de tabaco.

As pescudas levadas a cabo polo Equipo de Investigación da Garda Civil da Compañía de Vilagarcía de Arousa, en colaboración cos efectivos dos Postos das localidades afectadas, dilatáronse no tempo debido a que os autores, ademais de utilizar sempre un vehículo con placas falsas, adoptaban moitas medidas de seguridade para a execución dos roubos.

Por exemplo, usaban itinerarios alternativos nos desprazamentos para comprobar se estaban a ser controlados, realizaban recoñecementos previos de lugar, estudaban as medidas de seguridade do local,as vías de escape e, nalgunhas ocasións, mesmo colocaron obstáculos nos accesos ás gasolineiras para non ser sorprendidos polas patrullas de servizo.

PERFIL

A análise da información solicitada en todos e cada un dos roubos permitiu elaborar o perfil dos autores e a partir de aí iniciar unha liña de investigación sobre varias persoas que resultaban sospeitosas na contorna.

A partir de entón, os primeiros resultados xorden o pasado mes de outubro cando o equipo de investigación sorprende infraganti aos ocupantes dun vehículo no momento que pretendían roubar nunha gasolineira de Cambados.

A pesar de que un deles conseguiu darse á fuga, o vehículo e o seu condutor puido ser interceptado despois dunha complicada persecución.

A partir desta actuación, confirmáronse policialmente as sospeitas que recaían sobre as persoas que se estaban controlando e procedeuse á detención de R.C.T., de 38 anos veciño de Pontecesures, I.P.J., de 19 anos e JM.C.S., de 32 anos, veciños de Caldas de Reis.

EFECTOS INCAUTADOS

Realizáronse dous rexistros domiciliarios en Caldas de Reis e Poncesures, onde se recuperaron algúns dos obxectos que tamén roubaran nas gasolineiras. En Pontecesures recuperouse un remolque subtraído en Barro, que utilizaban para o transporte do botín.

Ademais dos obxectos incautados nos dous rexistros, localizáronse catro máquinas expendedoras de tabaco e unha máquina comecartos, todas elas desvalixadas. Dúas das máquinas de tabaco atopáronse mergulladas no río Ulla, en Pontecesures, de onde tiveron que ser rescatadas polos GEAS (Grupo de Especialistas de Actividades Subacuáticas) da Garda Civil.

A terceira atopouse abandonada nun monte, no municipio da Estrada. Á cuarta máquina prendéronlle lume no medio dun monte en Catoira, a consecuencia do cal provocaron un incendio forestal na zona.

ROUBOS

Aos detidos, en cuxo poder atopáronse dous xogos de placas de matrícula roubadas, atribúeselle a comisión dun total de 9 delitos de roubo con forza nas cousas no interior de gasolineiras: 6 na provincia de Pontevedra (2 en Cambados, 2 en Caldas de Reis, 1 en Pontecesures e 1 en Barro) e tres na provincia da Coruña (2 en Dodro e 1 en Padrón).

Tamén se lles acusa tamén dun delito de incendio forestal, un delito de furto do remolque e catro furtos de placas de matrículas.

DOUS DETIDOS POR RECEPTACIÓN

A operación concluíu coa detención dun home de 53 anos de idade (J.D.F.) veciño de Moraña e unha muller de 53 anos (M.T.C.), veciña de Padrón, acusados de senllos delitos de receptación. Estas persoas, que rexentaban actividades comerciais de venda ao público nas súas respectivas localidades, compraban parte dos efectos subtraídos para venderllos aos seus clientes.

Os detidos quedaron en liberdade en sede policial coa obrigación de comparecer, cando sexan citados, ante o Xulgado de Instrución que entende do caso, en Caldas de Reis.

Tanto na fase de investigación como na instrución das dilixencias, xunto co Equipo de Investigación de Vilagarcía de Arousa, colaboraron de forma destacada os efectivos dos Postos da Garda Civil de Caldas de Reis, Valga, Villagarcía, Cambados e Padrón.