Deteñen a un mozo por facer buxainas e derrapaxes e chocar contra varios coches no centro de Vigo cando ía bébedo

Actualizado: viernes, 24 abril 2015 12:17

O condutor fuxiu en varias ocasións e sufriu dous accidentes case seguidos, nos que chocou contra tres vehículos e un taxi

VIGO, 24 Abr. (EUROPA PRESS) -

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un veciño de 31 anos por realizar manobras temerarias, como buxainas e derrapaxes, e chocar contra varios vehículos no centro da cidade mentres conducía baixo a influencia de bebidas alcohólicas.

Segundo informou a Policía Local, os feitos aconteceron este xoves a partir das 19,28 horas, cando recibiron os primeiros avisos de que o condutor dun vehículo Renault Mégane estaba a facer buxainas e derrapaxes na rúa Couto San Honorato e en Gran Vía.

Pouco despois, informáronlles de que o mesmo vehículo acababa de sufrir un accidente en Baixada á Estación, tras o que fuxiu cara a García Barbón, onde tivo un segundo accidente na rúa Uruguai, dándose á fuga tras chocar contra un taxista.

Os axentes localizaron o turismo, que presentaba varios golpes na parte dianteira, lateral e traseira, estacionado na rúa Gravina. Alí, vixiárono de forma discreta ata que, sobre as 20,45 horas, observaron que un varón subía ao vehículo e se dirixía cara á rúa Cervantes.

Os policías procederon a darlle o alto con avisos acústicos e luminosos, pero o condutor emprendeu unha fuxida cara a O Calvario, cambiando de carril e zigzagueando entre vehículos. Malia iso, unha patrulla conseguiu cortarlle o paso ao condutor, aínda que novamente intentou volver fuxir, sen éxito.

DETENCIÓN

Os efectivos falaron co condutor do turismo e repararon en que mostraba síntomas claros e evidentes de estar baixo os efectos do alcohol, polo que lle realizaron unha proba na que deu positivo.

Así mesmo, unha patrulla de atestados realizou un percorrido polas rúas polas que circulara o turismo e comprobou que había tres vehículos golpeados na rúa Baixada á Estación e varias testemuñas que presenciaron os feitos.

Igualmente, tamén localizaron testemuñas da colisión contra o taxista que tivo lugar no cruzamento entre as rúas Uruguai e República Arxentina. Por todos iso, procederon a deter o varón, veciño de Vigo de 31 anos que responde ás siglas P.C.P..