Detido un mozo polo lanzamento dun artefacto contra a residencia oficial de Monte Pío

Actualizado: jueves, 23 noviembre 2017 13:38

Impútanlle tamén os danos causados en tres caixeiros automáticos na capital galega

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Nov. (EUROPA PRESS) -

A Policía Nacional detivo a un mozo de 22 anos como presunto autor do lanzamento dun artefacto incendiario contra a residencia oficial do presidente da Xunta en Santiago de Compostela.

Segundo informa a Policía Nacional, o pasado 21 de novembro foi detido un home en Santiago de Compostela como presunto autor do lanzamento do artefacto incendiario de fabricación caseira ao recinto da residencia oficial do presidente da Xunta en Monte Pío na noite do 17 ao 18 de outubro.

A investigación policial por estes feitos, que finalizou coa identificación e detención deste mozo de 22 anos, concluíu con que este mozo "era o presunto autor dos danos causados en tres caixeiros automáticos" que foron incendiados ao redor da mesma data en Santiago de Compostela.

DESALOXO

Nun destes incendios, lembra a Policía, foi necesario, ademais da intervención dos bombeiros, "o desaloxo dalgunhas das vivendas do inmoble por mor da queima do caixeiro automático".

O detido, que carece de antecedentes, foi posto a disposición xudicial o mércores.