Dúas persoas excarceradas en senllos accidentes en Coirós e Noia (A Coruña)

Actualizado: martes, 31 mayo 2016 11:07

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 May. (EUROPA PRESS) -

Os bombeiros de Betanzos liberaron un condutor que quedou atrapado no interior do vehículo que conducía despois de colisionar contra un camión que transportaba aluminio, segundo informa o 112. O accidente produciuse na a-6, no punto quilométrico 560, no termo municipal coruñés de Coirós.

Eran case as 20,00 horas deste luns cando os servizos sanitarios alertaron o 112 da colisión. A partir de aí, avisouse os bombeiros e os axentes de tráfico. Unha vez liberado, o ferido foi trasladado nunha ambulancia polo persoal sanitario ao Chuac. O servizo de mantemento da estrada tamén foi requirido polo 112.

En Noia (A Coruña), por outra parte, un vehículo saíuse da vía e chocou contra un muro. O seu condutor tamén tivo que ser liberado polos bombeiros ao quedar atrapado no interior do coche.

Este sinistro aconteceu na estrada que une a rotonda de Orro con A Ponte Nafonso, sobre as 1,15 horas deste martes, e outra persoa tamén precisou asistencia sanitaria.

Ademais de aos bombeiros de Boiro e a Urxencias Médicas, o 112 solicitou a colaboración dos axentes de Tráfico e dos efectivos do GES de Brión e de Protección Civil de Noia.