Educación pechará seis escolas unitarias o próximo curso

Actualizado: martes, 29 julio 2014 19:39

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pechará seis escolas unitarias o próximo curso académico, argumentando que contaban con cinco ou menos alumnos e que os datos demográficos apuntan a unha caída de 2.000 alumnos na etapa de infantil pola baixa natalidade.

Os centros que deixarán de prestar servizo na provincia da Coruña serán a EEI de San Lourenzo (4 alumnos) e a EEI de Guimaráns (con 2 alumnos) de Ames (A Coruña), o CEIP de Castro (5 alumnos) de Ordes, o de Visantoña (o alumnado solicitou matrícula noutro centro) e a EEI de Carnés (con cinco alumnos) en Vimianzo.

Na provincia de Ourense, deixará de prestar servizo o CEIP de San Mamede, en Montederramo, dado que o alumnado solicitou matrícula noutro centro, mentres que o CEE do Vao en Poio (Pontevedra) pasará a integrarse na EEI do Vao.

Educación avanzou, ademais, que este curso haberá 27 unidades menos, contando coa supresión dun total de 63 unidades, a creación de 36, e os datos de habilitación de unidades.

A Xunta habilita unidades (non supoñen creación) para o suposto de desdobres de aulas cando, existindo un incremento puntual ou circunstancial do número de alumnos, non hai perspectivas que garantan que esa situación se consolide. En concreto, serán nove máis na Coruña, dous menos en Lugo, sete menos en Ourense e 2 menos en Pontevedra.

FP BÁSICA

Por outro lado, o departamento autonómico incorporará ao sistema educativo galego 19 grupos en nove Programas Específicos (PE) para alumnado con necesidades educativas especiais, no marco da implantación da Formación Profesional Básica.

O próximo curso contará con 4.360 prazas en FP Básica nos centros sostidos con fondos públicos e haberá un total de 218 grupos que se distribuirán entre os 19 currículos desta modalidade educativa e os mencionados PE.

Educación destaca que o número de prazas ofertadas "supera nun 16 por cento" o número de persoas que cursaron os Programas de Cualificación Profesional inicial, modalidade que substitúe a FP Básica. Ademais, a Consellería reduciu de 30 a 20 o número máximo de alumnos por grupo, mentres que o mínimo será de 8 en zonas rurais e 12 nas cidades.