Educadores sociais advirten de que a educación para previr a violencia machista "se está a deixar de lado"

Actualizado: miércoles, 27 agosto 2014 18:25

O Concello de Pontevedra ve os asasinatos de mulleres a mans das súas parellas "a punta do iceberg" do que "non sae nos xornais"

PONTEVEDRA, 27 Ago. (EUROPA PRESS) -

O Colexio de Educadores Sociais de Galicia advertiu este mércores de que a educación en igualdade para previr a violencia machista "se está a deixar bastante de lado" por falta de profesionais.

"Para que haxa máis educación hai que contratar máis profesionais" destinados a labores de apoio ás familias e de formación nos centros educativos, explicou a secretaria desta entidade, Eva López.

Con motivo dunha visita desta organización ao Concello de Pontevedra, Eva López afirmou que "a educación é a base" contra a violencia de xénero" e que para detectar a existencia de problemas "hai que estar moi preto das persoas e coñecer as situacións".

Neste sentido, a secretaria do Colexio de Educadores Sociais de Galicia lamentou que, en xeral, os departamentos de servizos sociais "están moi saturados e burocratizados", malia que a súa misión é "estar máis preto das persoas e apoialas nas súas dificultades".

MICROMACHISMOS

Precisamente, o Colexio de Educadores Sociais de Galicia conta cun grupo de traballo en igualdade denominado 'Fiadeiras'.

Esta sección está desenvolvendo a campaña 'micromachismos: moito máis que micro', que chegará a súa fin o 1 de setembro. O seu obxectivo é denunciar que "as actitudes e comportamentos dominantes que seguen os varóns" en relación ás mulleres son "formas de violencia que reproducen a desigualdade", se ben se manifestan de xeito "sutil ou case imperceptible".

Esta campaña invita as mulleres a compartir "de forma persoal ou anónima" a súa experiencia a través do blog de 'Fiadeiras'. Así, os contidos poderán utilizarse "en futuras accións contra a violencia de xénero" coa intención de "visibilizar todas aquelas situacións cotiás que pasan desapercibidas" pero que, segundo este grupo, "contribúen a que a igualdade entre mulleres e homes sexa máis formal que real".

Neste sentido, Eva López sinalou que "o visible é as accións violentas" fronte a outras "cuestións pequenas" que tamén afectan as mulleres pero que "pasan desapercibidas".

EDUCACIÓN AFECTIVA

Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais de Pontevedra, Carmen Fouces, anunciou que o seu departamento porá en marcha a partir do próximo mes de setembro, coincidindo co inicio do curso académico, o programa 'Namorando'. Os seus receptores serán estudantes de Primaria e Secundaria para orientalos dende o punto de vista da educación afectiva.

"Detectamos que a partir de 5º e 6º de Primaria, a visión das mulleres cambia", explicou Carmen Fouces. Así, explicou que "ata que non teñen ningún achegamento sentimental se detecta a violencia", pero esta percepción "desaparece no momento en que empezan a ter relacións sentimentais".

VIOLENCIA MACHISTA, "PUNTA DO ICEBERG"

Tamén se referiu aos casos recentes de violencia machista acontecidos en Galicia como a "punta do iceberg" dunha situación que "non salgue nos xornais" e condenou a actitude dos homes que "determinan que as mulleres son da súa propiedade".

Por iso, asegurou que o Concello de Pontevedra está a "traballar duro" no ámbito da educación e a prevención a través dos centros educativos. Non obstante, o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, reivindicou que esa educación en valores "debe ser para todos".

"Non pode ser que haxa cidadáns que teñan formación en afectividade, sexualidade ou comportamentos sociais porque o concello sexa máis ou menos sensible", defendeu, pois outros carecen desa atención.

Finalmente, Fernández Lores aclarou que "non é competencia do concello" atender esas necesidades, a competencia das cales atribuíu ás administracións que teñen "a responsabilidade de transformar a sociedade con criterios de igualdade e universalidade, independentemente de onde vivan os cidadáns".