Emerxencias aconsella hidratarse e protexerse do sol, pero non constata un aumento de incidencias pola onda de calor

Rueda de prensa de Santiago Villanueva y del gerente de la Axega
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 2 septiembre 2014 14:29

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Sep. (EUROPA PRESS) -

O servizo de Emerxencias do 112 non constatou un aumento da actividade pola onda de calor que afecta estes días a Galicia, aínda que a Xunta reitera os consellos habituais tales como hidratarse e protexerse do sol nas horas "máis problemáticas" --ao mediodía-- co fin de evitar incidencias como golpes de calor.

"Os consellos que damos son os habituais, os que colgamos na páxina do 112: non saír ao sol nas horas máis problemáticas e beber auga; é dicir, a lóxica", sinalou o o director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Juan José Muñoz.

Villanueva sinalou que os colectivos máis vulnerables, como os nenos e os anciáns, deben seguir estas recomendacións con especial intensidade.

Tamén incidiu na necesidade de incrementar as precaucións por rexistrarse a calor en setembro, cando o sol está máis baixo e pode haber golpes de calor. Así mesmo, recomendou por ter "coidado" á hora de meterse na auga e bañarse en zonas protexidas.

Pola súa banda, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, ratificou que, malia a onda de calor, o 112 non rexistrou ata o momento un incremento da súa actividade habitual nestas datas, se ben matizou que esta empezou "hai poucos días.

MASA DE AIRE CÁLIDO

A presenza dunha masa de aire procedente do Norte de África fará que as temperaturas sexan altas en toda Galicia, podéndose superar este martes os 36 graos, e localmente os 39 en zonas do interior da provincia de Ourense.

Así o sinala MeteoGalicia, que precisa que as temperaturas serán "moi altas" durante a tarde, superándose de novo os 40 graos en puntos de Ourense.

En concreto, no Boletín de tempo meteorolóxico publicado este martes, sinala que a zona de Miño de Ourense e o Sur de Lugo están en alerta laranxa por temperaturas máximas que superarán puntualmente os 39 graos.

Mentres, o noroeste de Ourense, o interior de Pontevedra, a zona de Valdeorras e o Sur de Ourense teñen aviso amarelo por temperaturas que superarán puntualmente os 36 graos e o interior da Coruña e a zona de Miño de Pontevedra por valores que superarán puntualmente os 34 graos.