Empeza este martes o xuizo contra un garda e outros 3 acusados de vender droga en Lugo

Actualizado: domingo, 26 junio 2016 11:23

   LUGO, 26 Jun. (EUROPA PRESS) -

   A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo acollerá este martes, día 28 de xuño, o xuízo contra un axente da Garda Civil e outras tres persoas acusadas de, supostamente, vender cocaína en distintas zonas da provincia de Lugo.

   Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a Fiscalía pide cinco anos de prisión e o pagamento dunha multa a cada un deles por un suposto delito de tráfico de drogas.

   No escrito de acusación, o Ministerio Público explica que, a raíz de "observacións telefónicas" autorizadas polo xulgado dende decembro de 2009 chegouse a saber que os catro acusados, JL.V, AO.V.P., JJ.D.G e H.M., dedicábanse habitualmente á venda de cocaína.

   A raíz diso, o 31 de agosto de 2010 axentes do Equipo de Delincuencia organizada e antidroga (EDOA) da Garda Civil detiveron a JL.V., AO.V.P. cando se dispoñían a entregar a JJ.D.G droga que iría destinada ao cuarto implicado H.M.

   No momento da detención, os axentes incautáronse de dúas bolsas con droga que o axente da Garda Civil AO.V.P levaba ocultas no seu corpo. Ademais, no seu vehículo portaba a súa arma regulamentaria con 14 cartuchos.

   Por todo iso, o Ministerio Público pide impoñer a cada un dos acusados a pena de cinco anos de cárcere e 6.000 euros de multa, con responsabilidade subsidiaria de 10 meses, e costas por partes iguais.