Ence perde 141 millóns en 2014 tras provisionar 172 millóns por reforma eléctrica e peche de Huelva

Un Operador De La Planta De Ence De Huelva Controlando Los Procesos.
EUROPA PRESS/ENCE
Actualizado: viernes, 27 febrero 2015 12:34

Unha vez finalizado o seu plan de reestruturación, o grupo prevé superar en 2015 os resultados previos á reforma eléctrica

SANTIAGO/MADRID, 27 Feb. (EUROPA PRESS) -

Ence rexistrou unhas perdas de 140,9 millóns de euros en 2014, fronte ao beneficio de 9 millóns de euros en 2013, segundo informou este venres a compañía, que precisou que estes 'números vermellos' recollen un impacto negativo de 172 millóns de euros pola reforma eléctrica e o peche da súa fábrica de Huelva.

En concreto, as contas de 2014 contemplan un efecto negativo de 6,1 millóns de euros por axustes retroactivos ás vendas de electricidade de 2013 e de 36,8 millóns de euros de provisións derivadas da deterioración de cultivos enerxéticos polo cambio regulatorio.

Así mesmo, as perdas contabilizadas por Ence en 2014 inclúen un impacto negativo de 109 millóns de euros en provisións polo cesamento das actividades de produción de celulosa e coxeración en Huelva.

Malia todo, a compañía destacou que a finais de 2014 presentaba unha "forte posición de liquidez", próxima aos 180 millóns de euros. A débeda financeira neta rexistrou un incremento do 78%, ata 178 millóns, polo proceso de reestruturación posto en marcha polo grupo.

O beneficio bruto de explotación (Ebitda) axustado situouse en 60,5 millóns de euros en 2014, un 62% menos que en 2013 debido á menor produción e menores vendas de celulosa e electricidade. En concreto, as vendas totais ascenderon a 687,5 millóns de euros, un 19% menos, con retrocesos do 18% nas vendas de celulosa e do 26% nas de electricidade.

A compañía destacou que o importante aforro que conseguiu, o peche de Huelva, a aposta pola biomasa e o favorable comportamento do prezo da celulosa e o dólar lle permitirá superar xa este ano os niveis Ebitda previos á reforma eléctrica, cun exercicio de antelación ao anunciado.

O vicepresidente e conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, indicou que a compañía "está a experimentar unha rápida recuperación" tras o impacto da reforma eléctrica, grazas ao éxito na execución do plan de reestruturación da compañía".

Así, rematada a reestruturación, a compañía sinalou que se centra na mellora continua dos custos, o crecemento orgánico en celulosa e o desenvolvemento, construción e operación de novas plantas enerxéticas de biomasa.