Enxeñeiros e pedagogos galegos crean unha aplicación para Android que mellora a comunicación de persoas minusválidas

Vigo Foto Pictogramas
EP
Actualizado: miércoles, 14 diciembre 2011 21:33

VIGO, 14 Dic. (EUROPA PRESS) -

O Grupo de Tecnoloxías da Información da Escola de Enxeñeiros de Telecomunicacións da Universidade de Vigo e pedagogos do centro de educación especial Manuel López Navalón de Santiago desenvolven unha colaboración que, cun traballo de varios anos, permitiu crear aplicacións para persoas minusválidas en dispositivos móbiles.

Unha delas denomínase PictoDroid Lite, a cal, deseñada para dispositivos Android, permite aos usuarios comunicarse a través da utilización de pictogramas, signos que representan esquematicamente un símbolo, obxecto real ou figura. Ademais, todos os 'pictos' poden ser modificados ou eliminados, e é posible engadir os que sexan necesarios.

En todo caso, esta versión 'lite' unicamente permite expresar accións moi concretas, pero non pode crear oracións complexas. PictoDroid Lite está dispoñible no Android Market e pódese descargar directamente da páxina de Accegal --o proxecto no que se enmarca a iniciativa--, na que tamén está o manual e diversos vídeos titoriais.

A aplicación utiliza os 'pictos' de ARASAAC, creados por Sergio Palao e distribuídos con licenza Creative Commons, aínda que a ferramenta pode configurarse para empregar outro e mesmo imaxes reais.

Dende o proxecto Accegal, no que se inclúe esta iniciativa, continúan traballando conxuntamente con outros centros, asociacións e particulares --de modo desinteresado e sen ánimo de lucro-- para que as aplicacións sexan gratuítas e funcionen en dispositivos de baixo custo, de modo que sexan accesibles para calquera usuario.

Entre os proxectos que están comezando a desenvolver atópase unha aplicación Android para permitir a persoas con minusvalideces auditivas o visionado de subtítulos en cines. Tamén avanzan no deseño e desenvolvemento doutra aplicación Android para a modificación de conduta mediante alarmas, que permita recordar ás persoas determinados eventos e accións.