A espera para operarse sobe nas áreas da Coruña, Ourense e Vigo e baixa en Santiago, Ferrol, Lugo e Pontevedra

Quirófano
ROBERT BOSTON
Actualizado: viernes, 31 octubre 2014 17:40

A demora para unha primeira consulta de enfermidade descende en cinco áreas sanitarias e increméntase en dous

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Oct. (EUROPA PRESS) -

A espera media para operarse subiu no terceiro trimestre do ano nas áreas sanitarias da Coruña, Ourense-Verín-Barco e Vigo, mentres que descendeu nas de Santiago, Ferrol, Lugo-Cervo-Monforte e Pontevedra-Salnés.

Así se reflicte nos datos de lista de espera estrutural cirúrxica por xerencias de xestión integrada publicados polo Sergas este venres na súa páxina web, recollidos por Europa Press, segundo os que hai 32.432 persoas esperando por unha intervención nos hospitais do Servizo Galego de Saúde e 5.122 no concertado de Povisa.

En concreto, a demora media para unha operación pasou dos 82,9 días a 30 de setembro de 2013 a 87,8 ao peche do terceiro trimestre de 2014 na área da Coruña --que inclúe o Chuac e o Hospital Virxe da Xunqueira--; de 49,2 a 50,2 na de Ourense-Verín-Barco e de 111 a 114,8 días na de Vigo.

Pola contra, descendeu a espera media para unha intervención de 84,5 a 84,3 días na de Santiago; de 49 a 42,9 na de Ferrol; de 69,6 a 64 na de Lugo-Cervo-Monforte e de 38,6 a 36,5 na de Pontevedra-Salnés.

Nos hospitais do Sergas, 19.755 persoas esperan menos de tres meses por unha intervención; 10.404, entre tres e seis meses; 1.988, entre medio e un ano; e 285 máis de doce meses.

Mentres, en Povisa, 1.492 pacientes agardan menos de tres meses; 1.073, entre tres e seis meses; 1.808, entre medio e un ano; e 749 persoas esperan máis dun ano. O tempo medio neste centro sitúase en 199,9 días a peche de setembro, polo que se reduciu en 9 días, fronte aos 208,9 no mesmo período de 2013.

Por especialidades, subiu a espera para operarse en cirurxía pediátrica --de 107,9 a 109 días--, en dermatoloxía --de 34,3 a 37,8--, en neurocirugía --de 84,5 a 86,2--, en oftalmoloxía --de 67,4 a 73,5--, en traumatoloxía --de 102,8 a 109,6-- e en uroloxía --de 59,3 a 60 días-.

Pola súa banda, descendeu a demora media nos servizos de cirurxía vascular --de 80,4 a 71 días--, cirurxía cardíaca --de 74,3 a 69,8--, en cirurxía maxilofacial --de 77,3 a 67--, en cirurxía plástica e reparadora --de 78,6 a 61,7-- , en cirurxía torácica -- de 55,3 a 50,8 -- , en cirurxía xeral e dixestiva -- de 75,4 a 65,9 -- , otorrinolaringoloxía -- de 74,2 a 69,8 -- e en xinecoloxía -- de 69,9 a 56,8 días -- .

CONSULTAS

En canto ás primeiras consultas de enfermidade, a demora media aumentou nas áreas sanitarias da Coruña --de 54,8 a 58,9 días-- e Ferrol --de 66,4 a 67,8 días-- e descendeu nas de Santiago, Lugo-Cervo-Monforte, Ourense-Verín-Barco, Pontevedra-Salnés e Vigo.

O tempo medio de espera ao peche de setembro de 2014 foi de 49,9 días, o que supón 3,4 días menos que no mesmo período do exercicio pasado, e hai 137.846 pacientes que agardan por unha primeira consulta de enfermidade, o que supón 26.058 menos que en setembro de 2013.

As consultas con menor tempo de espera son oncoloxía médica (4,3 días), medicina nuclear (4,9), cirurxía cardíaca (8,4), radioterapia (9,2), cirurxía torácica (10) e obstetricia (12,7). E as primeiras consultas nas que máis diminuíu o tempo medio de espera foron neurocirurxía (37,8 días menos), nefrología (20,2 días), dermatoloxía (18,8 menos), hematoloxía clínica (18,3), medicina nuclear (16 menos), cirurxía pediátrica (15,7 menos) e uroloxía (15 menos).