A situación da cultura e a dependencia do sector, a debate no CGAC

CGAC
CGAC
Actualizado: martes, 3 marzo 2015 14:58

Propón unha "retrospectiva" para analizar a situación da cultura e o uso dos medios cos que contou o sector na súa historia

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Mar. (EUROPA PRESS) -

O novo ciclo do Centro Galego de Arte Contemporáneo, 'Cara a onde?', invitará os asistentes a reflexionar e debater xunto con varios expertos sobre os pasos dados dende o sector cultural, o resultado das políticas aplicadas e das subvencións concedidas, ou o peso real da lingua galega a nivel internacional, coa mirada posta no camiño a seguir a partir dagora.

"¿Correspóndese o obtido co esforzo realizado?", será unha das preguntas que se formularán os participantes nesta iniciativa, dirixida polo escritor Alfredo Conde, e que contará coa presenza de autores do talle de Bernardo Atxaga, Suso de Toro, Carme Rieira ou Bradley Epps, xunto con Henrique Alvarellos, Xosé A. López Silva ou Ramón Nicolás.

O propio director explicou en rolda de prensa en Santiago de Compostela que estes encontros incitarán a reflexionar sobre se se empregaron ben "todos os instrumentos que a historia" puxo en man do sector a partir da autonomía (lexislación, administración, axudas, etc) e a preguntarse sobre a situación que vive tras o esforzo económico realizado ao longo dos anos.

Segundo recordou, o sector cultural e literario experimentou, a causa da "economía de crise", unha redución dos fondos destinados para este fin que, a ollos de Conde, debe incitar os protagonistas do sector a facerse "preguntas" tanto polos cambios motivados pola época dixital como o uso das subvencións e partidas en materia cultural.

Nesta situación, insistiu, hai que pensar nas "cousas que se fixeron mal", dado que "o doado" é botar a responsabilidade "aos políticos" ou "a falta de diñeiro". Así e tendo en conta as cifras que manexaron tanto as institucións como o sector cultural neste país, Alfredo Conde cre que pode haber "certo desaxuste" cotexando o resultado obtido e o aproveitamento deses fondos.

Iso estendeuno tanto ao ámbito institucional como ao privado, onde "se desatenderon outras frontes" mentres se fixo promoción de unha "cantidade enorme" de colectores culturais. "Sempre tendemos a botar a culpa a calquera menos a nós mesmos. É a reflexión que se propón", insistiu Conde.

DEPENDENCIA

Neste sentido, ve "evidente" que non se consolidou unha industria editorial "forte", senón que "se nutriu máis de subvencións que outra cousa", e que será necesario formularse se a literatura galega "ten a proxección internacional que cabería esperar" ante a calidade dos seus autores e artistas, ademais de comprobar se esa percepción se dá noutras rexións como Cataluña ou País Vasco.

"Se imos por bo camiño ou hai que rectificar", insistiu. Tamén trasladou esta reflexión ao idioma ou o seu uso por parte da sociedade, unha realidade que "está aí a latexar" e á que se teme "moito" referirse a ela.

Unha situación, engadiu, que non se reproduce estritamente na literatura galega, unha tradición "rica en si mesma" pero que non obstante non ten a proxección no estranxeiro que debería ter e non conseguiu que os seus autores estean traducidos na medida en que deberían estar. Por iso, ve necesario que os axentes implicados se pregunten as razóns do fracaso de políticas culturais ou lingüísticas que si tiveron éxito noutros países.

CGAC, LUGAR DE "REFLEXIÓN"

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o papel do CGAC como un centro con "vocación de ser intérprete" e "lugar de reflexión arredor da cultura contemporánea", polo que animou á sociedade a participar nestes debates, que se celebrarán durante catro sábados entre o 7 de marzo e o 20 de xuño.

O obxectivo é "reflexionar sobre a cultura e a lingua dende o prisma da literatura", no marco de España e Europa, a partir dunha "retrospectiva" sobre os pasos logrados e reflexionando sobre o que se quere "construír a partir de agora no futuro".