A explosión produciuse durante o traslado de material xa elaborado

Actualizado: viernes, 3 julio 2015 16:04

A empresa tiña "moitísimo material almacenado" e nunha caseta que quedou "intacta" había en torno a 400 quilos de explosivos

OURENSE, 3 Jul. (EUROPA PRESS) -

A explosión na pirotecnia de Leiro (Ourense), que este xoves provocou a morte de tres persoas, produciuse durante o traslado de material "xa elaborado" dende unha das casetas a unha furgoneta, segundo as primeiras hipóteses da investigación, que asumiron axentes da Policía Xudicial da Guardia Civil, unha vez que Técnicos Especialistas en Desactivación de Artefactos Explosivos (TEDAX) aseguraron o perímetro.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, apuntou que "todo parece indicar que é un accidente estritamente laboral", acontecido cando as vítimas "estaban a tratar de trasladar un produto xa elaborado". "A caseta saíu destruída, pero probablemente o material estaba xa próximo a ser cargado", afirmou, posto que un vehículo tamén resultou danado. Precisamente polos danos que presenta este vehículo, as autoridades supoñen que dentro xa había material cargado.

No sinistro, rexistrado sobre as 19.50 horas deste xoves, faleceron o propietario de Pirotecnia Abad, José Antonio Abad, de 53 anos de idade; a súa parella, Cristina Janeiro, de 43 anos; e Belén Rivas, de 21 anos de idade, noiva do fillo do dono e que traballaba nas instalacións. Xunto co fillo do propietario, estas catro persoas eran as que "basicamente adoitaba haber" traballando na pirotecnia.

O testemuño do mozo será clave para determinar que cre el que puido provocar a explosión que na tarde deste xoves puido escoitarse "nun radio de varios centos de metros". Segundo as autoridades, a pirotecnia contaba con "tódolos permisos legais" e dispoñía "das medidas de seguridade" preceptivas.

CUMPRÍA A NORMATIVA

A proba diso, como apuntou Roberto Castro, é que "aínda producíndose un estalido tan enorme", unha caseta en que estaban almacenados 400 quilos de explosivo "está intacta absolutamente". Os danos concéntranse nun vehículo e na caseta na que estaban a "traballar ou sacando dela o produto para cargar", mentres que hai "grandes danos" no tellado doutra, "probablemente pola onda expansiva".

"Estaba perfectamente construída, de acordo coa normativa legal vixente para evitar precisamente que na mesma caseta na que se traballa exista material almacenado e que, en caso dun risco de accidente, salte todo iso polos aires", explicou o subdelegado do Goberno en Ourense.

En calquera caso, "había moitísimo material alí almacenado", posto que na época estival "hai moitas festas" nas cales é tradición lanzar fogos artificiais, de forma que "é lóxico que se faga acopio dese produto para poder fabricar as bombas e todo este tipo de dispositivos de pirotecnia".

INVESTIGACIÓNS

Tras "neutralizar" o lugar dos feitos para illar o material de risco, todo eses produtos explosivos serán trasladados a outra pirotecnia distinta, mentres que a Policía Xudicial da Guardia Civil traballa no lugar dos feitos para atopar as causas da explosión, así como un técnico especialista de industria da Subdelegación do Goberno para facer un informe da situación.

O subdelegado do Goberno en Ourense aproveitou para solicitar ao resto de pirotecnias, unha actividade con bastante arraigamento na provincia de Ourense, que "garden todas as medidas para garantir que non se produzan este tipo de accidentes". "É un material con moito risco. Obviamente, faise con todo o coidado e atención, pero tamén somos humanos e a rutina pode levar a despistarnos. Non é a primeira vez que pasa nesta provincia unha situación similar", recordou Castro.