Facenda asegura que houbo negociación coa nova lei de emprego público pero está "aberta a lograr o máximo consenso"

Actualizado: miércoles, 1 octubre 2014 18:27

Garante que o plus de altos cargos "seguirá suspendido", nega subxectividade e defende ser restritiva co persoal directivo

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Oct. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Facenda asegura que houbo un proceso negociador sobre a nova lei de emprego público, tras as críticas verquidas polos sindicatos da función pública este mércores (UGT, CC.OO., CIG e CSIF). Malia todo, o departamento de Elena Muñoz se mostra "aberta" co obxecto de alcanzar "o máximo consenso" en torno a este texto.

O procedemento de negociación do anteproxecto de lei de emprego público "está a garantir", segundo Facenda, "o coñecemento e a posibilidade de alegar por parte das organizacións sindicais".

Neste sentido, fontes da consellería destacan que, "de feito, a Xunta remitiu aos sindicatos ata en tres ocasións o texto" e explican que nas dúas últimas o fixo "incorporando xa algunhas alegacións". "No último envío finalizou o prazo para presentar novas alegacións esta mesma semana", sinalan estas fontes.

Así, o departamento afirma que "ao longo deste proceso" a Dirección Xeral de Función Pública "estivo en permanente contacto" coas organizacións sindicais "para analizar os borradores propostos a través de reunións informais".

"Máis alá de discrepancias puntuais, a Xunta mantense aberta a alcanzar o máximo consenso posible e insiste en que esta lei beneficiará a todos os empregados públicos", di na súa resposta á rolda de prensa das centrais sindicais.

"PUNTUALIZACIÓNS"

Non obstante, replica para "puntualizar" algunhas cuestións como que "o anteproxecto non recupera o complemento para exaltos cargos". A devandita figura "foi aprobada polo bipartito" e o seu pagamento "está suspendido e seguirá suspendido", subliña.

"En ningún caso o anteproxecto establece unha avaliación subxectiva do empregado público por parte dun superior. Ao contrario: a lei di que ese sistema de valoración se establecerá nun regulamento posterior, e que nese proceso de regulación participarán as organizacións sindicais", chama a atención.

Por último, respecto do persoal directivo, engade que "convén recordar que o texto proposto pola Xunta é máis restritivo que a normativa estatal xa vixente (o Estatuto Básico do Empregado Público), que foi apoiado polos sindicatos de ámbito estatal".