Feijóo avanza que se Facenda "beneficia" a comunidades "incumpridoras" Galicia esixirá "medidas similares"

Feijóo en el Consello de la Xunta del 18 de diciembre
ANA VARELA
Actualizado: jueves, 18 diciembre 2014 15:19

Di estar "a favor" de que se axude a comunidades "rescatadas", pero insiste en "recoñecer o esforzo" das autonomías que "cumpren"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Dic. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, coa reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) xa convocado para a semana próxima, que se o Ministerio de Facenda, que dirixe Cristóbal Montoro, realiza "novas formulacións" que "beneficien" ás comunidades "incumpridoras", Galicia demandará "medidas similares" para as que si "cumpren".

"Por coherencia, a Xunta mantívose e manterá na mesma postura", manifestou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, na que insistiu en que está "a favor" de que se axude ás autonomías que "non ten capacidade" para chegar co fin de mes" e que están "sendo rescatadas" a través do Fondo de Liquidez Autonómica (FLA) e do fondo de pagamento a provedores.

"Loxicamente", advertiu que este paso "en ningún caso pode darse "sen recoñecer o esforzo" das comunidades que si foron capaces de cumprir os obxectivos de déficit público e de autofinanciarse nos mercados "con normalidade". "Hai que habilitar mecanismos para as incumpridoras, pero sen penalizar ás que cumpren", remarcou.

Neste sentido, recordou que na última reunión do CPFF Galicia fixo a proposta de ampliar o prazo de devolución das liquidacións negativas correspondentes aos exercicios de 2008 e 2009. "Tiñamos cinco anos para devolvelo e agora temos 20, sen intereses", destacou, para engadir que para Galicia supuxo un aforro duns 150 millóns.

Dito isto, advertiu que, se agora se poñen sobre a mesa novas formulacións para beneficiar a comunidades incumpridoras, Galicia formulará "medidas similares" para as que si "cumpren".

ESPERAR A COÑECER A PROPOSTA

En todo caso, apelou a esperar á convocatoria do CPFF a semana próxima para coñecer de primeira man e avaliar a proposta do Ministerio de Facenda que, segundo transcendeu, prevé formular, entre outras cuestións, a mutualización da débeda a todas as comunidades cun tipo do 0%.

"Nós estamos a favor de que Cataluña, Valencia, Andalucía e outras comunidades teñan menos gastos financeiros, e que as que cumprimos, Madrid, Galicia e algunha outra, teñamos tamén un tratamento similar", insistiu Feijóo, convencido de que se trata dunha cuestión de "equilibrio".

"De momento, xa conseguimos 150 millóns de menos gastos financeiros e creo que non é un tema menor", resolveu Feijóo.