Feijóo avanza unha orde de axudas "similar" á dos incendios para os afectados pola explosión de Tui

Feijóo visita Tui
EUROPA PRESS
Actualizado: jueves, 24 mayo 2018 17:32

"Non imos pagar con diñeiro público o que corresponde a aseguradoras, pero se non hai seguro, estará a Xunta", subliña o presidente

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 May. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves que o Goberno autonómico aprobará unha orde "similar" á aprobada despois da vaga de incendios de outubro de 2017 destinada ás familias afectadas pola explosión de material de pirotecnia este mércores en Tui (Pontevedra).

Así o comunicou na rolda de prensa posterior á reunión do seu Goberno, na que a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, presentou un informe de urxencia despois do sinistro rexistrado na tarde deste mércores.

"Imos aprobar as axudas aos afectados en danos en vivendas para que poidan ser reconstruídas", sinalou Feijóo, quen na súa intervención trasladou o pésame polos dous falecidos confirmados pola explosión.

Tamén agradeceu o traballo feito polos efectivos sanitarios, forzas de seguridade e efectivos de emerxencias, antes de comprometerse a "axilizar o máximo posible todas as axudas e indemnizacións para rehabilitar as súas vivendas".

Antes de desprazarse a Tui, o presidente galego concretou que non se pode avanzar unha contía económica para a orde de axudas porque aínda non se computaron os danos con exactitude, e advertiu, iso si, após insistir na súa "mensaxe de tranquilidade aos veciños", que a Xunta "non pagará con diñeiro público o que corresponde a aseguradoras".

"Supomos que a pirotécnica tiña seguro de responsabilidade patrimonial e probablemente outras persoas con casas danadas ou destruídas, tamén. Non imos pagar con diñeiro público o que corresponde ás aseguradoras, pero se non hai seguro, se a responsabilidade patrimonial da pirotécnica fose insuficiente, estará a Xunta", garantiu o presidente.

60 INMOBLES AFECTADOS

Ao termo do Consello da Xunta, o presidente galego desprazouse a Tui, onde despois de visitar a zona, confirmou en declaracións aos medios de comunicación, que o arquitecto municipal trasladoulle que "polo menos 60 inmobles serán obxecto de enormes dificultades".

Feijóo remarcou que, unha parte das mesmas "desapareceron" e noutras hai danos que é preciso avaliar, para ver se son máis "estéticos" ou "estruturais".

En todo caso e, a pesar de que aínda non se pode "descartar", o presidente galego remarcou que "o importante é que non haxa máis vítimas mortais".

REALOJOS

En Tui, Feijóo precisou que a liña de financiamento que abrirá a Xunta servirá para axudar a persoas que perdan ou sufran danos nas súas vivendas, pero tamén se cooperará co Concello para axudar ás familias que perdesen a súa vivenda.

"O alcalde confírmame que hai 33 familias afectadas", relatou, antes de precisar que a maioría foron reacollidas en casas de familiares e media ducia están a cargo dos Servizos Sociais do Concello.

"Co Concello, traballaremos para restablecer a normalidade e para asesorar aos veciños para que cobren os seus seguros", subliñou o presidente, quen precisou que, "se isto non frutifica", os cidadáns deben estar tranquilos porque a Xunta asumirá o seu papel.