Actualizado: martes, 25 julio 2017 11:20

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu este martes ao Apóstolo Santiago a "vontade e decisión" necesarias para "non claudicar ante os que predican a desunión ou se abandonan ao pesimismo", á vez que incidiu en que "a razón ten que estar apoiada pola lei" e pola democracia.

   Así o recolleu na súa Ofrenda ao Apóstolo Santiago, que realizou por cuarta ocasión como delegado rexio, e na que tamén tivo palabras de recordo para as vítimas do accidente de Angrois, do que este luns se cumpriron catro anos.

   España, dixo Feijóo, é hoxe "sinónimo de liberdade, paz e convivencia", algo ao que se une "o logro de construír unha comunidade de cidadáns e pobos libres, onde a pluralidade non equivale a desigualdade".

   "Necesitamos vontade e decisión para que esta obra non se malogre por culpa de egoísmos, insolidariedades ou frivolidades", dixo o presidente, que lembrou que, para isto, "a razón ten que estar apoiada pola lei, e a lei pola razón". "A obstinación duns poucos non pode prevalecer contra a sensatez, a lealdade e a solidariedade de moitos", resolveu.

   Ademais de lembrar a violencia de xénero, o delegado rexio apelou á "xenerosidade" cos refuxiados, que buscan en Europa unha "utopía real onde depositar os seus soños".

   Do mesmo xeito, lamentou que Europa sexa "obxectivo dunha das peores manifestacións do odio: o terrorismo", que se "enmascara de forma falaz en ideas relixiosas", e lembrou as figuras de Miguel Ángel Blanco e de Ignacio Echeverría, dous "mozos desta terra" que se converteron en "símbolos da forza da razón que loita contra a razón da forza".